Carnota rexistrou 30 graos nunha madrugada na que moitas zonas da Galiza superaron os 20 graos
A estación de Meteogaliza instalada na parroquia de Lira, no municipio de Carnota (comarca de Muros), rexistrou ás 2.10 horas unha temperatura de 30,5 graos, a máis alta da Galiza nunha madrugada na que moitas zonas da costa galega e do interior de Ourense superaron os 20 graos.
Ademais, puntos da provincia de Pontevedra superaron os 27 graos. En concreto, na zona do Campus de Vigo chegouse aos 27,9 graos ás 02.40 horas; en Fornelo de Montes, 27,6 (comarca de Vigo); en Lousame (comarca de Noia), 27,2; e en Oia (Baixo Miño), 27,1.
Ao longo da madrugada as temperaturas foron baixando até ficar á primeira hora da mañá ao redor dos 20 graos na maioría da Galiza, agás en zonas da costa norte galega, así como en áreas de interior en Lugo e Ourense, onde se rexistran temperaturas de 14 e 15 graos.
Para esta cuarta feira, Meteogaliza mantén activo un aviso laranxa no Miño de Ourense por altas temperaturas, xa que se poderán alcanzar os 40 graos. Ademais, están activos avisos amarelos en Ourense, o sur de Lugo, Valdeorras e Miño de Pontevedra.
A Xunta da Galiza activou a alerta nivel 1 por altas temperaturas en diferentes puntos do país, no marco do Plan de Actuacións do Goberno galego. O episodio arrinca esta terza feira, 17 de xuño, cunha previsión de duración de catro días. Segundo informa Meteogaliza, as altas presións permanecerán estacionarias ao norte da península Ibérica durante esta semana.
Desde esa posición, achegarán a suficiente estabilidade para que o predominio sexa de ceo despexado. Ademais irán atraendo unha masa de aire moi cálida, procedente do sur da península Ibérica e do norte de África, o que ocasionará un importante aumento nas temperaturas.