O Carballiño sae á rúa para denunciar os recortes que deixan sen pediatra centos de crianzas na comarca

A organización cifra en 1.500 os manifestantes (Foto: Pediatras no Carballiño Xa)

A mobilización demandou a restitución do servizo. A organización cifra os asistentes en 1.500.

Centos de persoas secundaron este domingo no Carballiño a manifestación que percorreu a localidade para denunciar os recortes nos servizos de pediatría e defender a sanidade pública.

A mobilización saíu da praza do Emigrante para finalizar no centro de saúde. Convocada pola Plataforma para a defensa da sanidade, a mesma estivo apoiada por diferentes colectivos e entidades da comarca e do paí, así como representantes do BNG ou PSdeG, entre outros.

O Punto de Atención Continuada (PAC) do Carballiño ten asignadas dúas prazas de Pediatría pero desde o pasado mes de setembro permanecen vacantes. A falta de profesionais deixa sen asistencia 2.312 crianzas da comarca do Carballiño, formada polo concello homónimo e os municipios de Beariz, Boborás, Maside, O Irixo, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea.

A voceira da Plataforma en defensa da sanidade pública do Carballiño, Paula Fernández, sinalaba esta semana a Nós Diario que “non é de recibo que cada vez que un dos nosos fillos enferma debamos acudir ao servizo de Urxencias do hospital de Ourense ou á sanidade privada”.

A situación da comarca do Carballiño repítese na Limia. Nesta zona, a  Xunta da Galiza deixou sen pediatras o Punto de Atención Continuada (PAC) de Xinzo de Limia, onde sen emprazaban os dous únicos profesionais que atendían as 1.700 crianzas dos concellos de Baltar, Os Brancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

O panorama é, tamén, moi complicado na comarca de Verín. Malia que o PAC da localidade conta con tres prazas de Pediatría, só unha delas está cuberta, véndose obrigado este profesional a atender 2.013 crianzas desa comarca e outras 455 da área de Viana. Precisamente, á volta de 2019 o distrito sanitario de Verín serviu para evidenciar a realidade desta especialidade médica.

O panorama é, tamén, moi complicado na comarca de Verín. Malia que o PAC da localidade conta con tres prazas de Pediatría, só unha delas está cuberta, véndose obrigado este profesional a atender 2.013 crianzas desa comarca e outras 455 da área de Viana. Precisamente, á volta de 2019 o distrito sanitario de Verín serviu para evidenciar a realidade desta especialidade médica.