A delegación da Galiza na Internacional Antifascista condena a "intromisión das potencias imperialistas" na soberanía de Venezuela
O colectivo, no que están BNG, Podemos e EU, defende a "autodeterminación" do país ante inxerencias por "intereses económicos e xeopolíticos".
O Capítulo Galego da Internacional Antifascista —plataforma na que se inclúen partidos como o BNG, Podemos e Esquerda Unida e entidades internacionalistas como Agabo ou Mar de Lumes— condena "enerxicamente" a "constante intromisión das potencias imperialistas e outros países intervencionistas" nos asuntos internos de Venezuela.
Así se pronuncia nun comunicado este colectivo ante a toma de posesión de Nicolás Maduro como presidente do país latinoamericano, que decorrerá esta sexta feira, 10 de xaneiro.
A Internacional Antifascista considera que esta "intromisión" está "orquestrada por intereses económicos e xeopolíticos" e "constitúe unha grave violación do dereito internacional e un atropelo á soberanía dos pobos". Así, menciona o "principio de autodeterminación" consagrado na Carta das Nacións Unidas como un "piar fundamental" da convivencia entre nacións.
"Con todo, gobernos de países do norte global, apoiados por poderes fácticos e medios de comunicación ao servizo de elites corporativas, emprenderon unha campaña sistemática de desestabilización contra Venezuela" que "non só busca deslexitimar os procesos democráticos dese país, senón tamén promover intereses económicos alleos que saquen os recursos naturais dos pobos do sur global", denuncia a plataforma, que menciona medidas como "bloqueos económicos", "sancións ilegais" e "ameazas de intervención militar".
Son todas elas, engade, medidas "disfrazadas de preocupación polos dereitos humanos" pero que realmente constitúen un "ataque directo contra un proxecto soberano" que avanza cara a un modelo político e social alternativo "ao ditado hexemónico".
Neste contexto, o Capítulo Galego da Internacional Antifascista condena a "hipocrisía dos países que xustifican estas accións" e que "calan ante violacións de dereitos humanos cometidas por réximes aliados", entre os que sitúa Israel, Arabia Saudita e Turquía.
Así, esta plataforma fai un chamamento "aos pobos do mundo" para "solidarizarse" co venezolano "e coa Revolución Bolivariana" para defender "o dereito de todas as nacións a decidir libremente o seu destino, sen interferencias externas".
O Capítulo Galego da Internacional Antifascista está constituído por diferentes movementos civís e políticos, entre os que destacan Agabo, BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, Partido Comunista pola República Galega, Podemos Galiza e UPG. Ademais, sumáronse tamén a Asemblea Republicana de Vigo, Colectivo da Raia, ENGA, Erguer, Esquerda Unida, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Galiza Global-ENG, Libraría Pedreira, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, MER(LIM) – Movemento Ecoloxista da Raia (Linha Imaxinaria), Unión da Mocidade Galega (UMG), Vía Galega, así como numerosos intelectuais, sindicalistas e persoas destacadas no ámbito político e cultural, entre elas Teresa Moure, Méndez Ferrín ou Xosé Luís Axeitos.