Cantos planetas hai no universo? Astrónomos descobren un cento que estaban 'ocultos'

Imaxe tomada pola NASA da galaxia Smacs 0723. (Foto: Space Telescope Science Institut / DPA)

Persoal investigador da Universidade de Warwick validou máis de 100 exoplanetas, incluídos 31 planetas detectados recentemente, utilizando unha nova ferramenta de intelixencia artificial.

Persoal astrónomo da Universidade de Warwick (Reino Unido) validaron máis de 100 exoplanetas, incluídos 31 planetas detectados recentemente, utilizando unha nova ferramenta de intelixencia artificial (IA) aplicada a datos do Satélite de Sondaxe de Exoplanetas en Tránsito (TESS) da NASA, unha misión espacial que analiza o ceo en busca do sutil escurecemento da luz estelar causado cando os planetas pasan fronte as súas estrelas anfitrioas.

Nun artigo publicado en MNRAS, o equipo aplicou o seu novo sistema de intelixencia artificial, chamado Raven, ás observacións de máis de 2,2 millóns de estrelas recompiladas durante os primeiros catro anos de funcionamento de TESS. Centráronse en atopar planetas que orbitan perto das súas estrelas, completando unha órbita en menos de 16 días, o que proporciona a avaliación máis precisa da frecuencia destes mundos de período curto.

"Grazas á nosa nova metodoloxía Raven puidemos validar 118 planetas novos e máis de 2000 candidatos a planetas de alta calidade, case 1.000 deles completamente novos", declarou a doutora Marina Lafarga Magro, primeira autora do estudo e investigadora da Universidade de Warwick. "Isto representa unha das mostras mellor caracterizadas de planetas próximos á Terra e axudaranos a identificar os sistemas máis prometedores para futuros estudos".

Entre os planetas recentemente validados atópanse varias poboacións especialmente valiosas, entre elas: planetas de período ultracurto, que orbitan as súas estrelas en menos de 24 horas; planetas do "deserto neptuniano", unha clase rara que se atopa nunha rexión onde a teoría predí que os planetas deberían ser escasos; sistemas multiplanetarios en órbitas próximas, incluíndo pares planetarios previamente descoñecidos ao redor da mesma estrela.

As misións modernas de procura de planetas identifican habitualmente miles de posíbeis planetas (candidatos), pero confirmar que sinais son reais e comprender a frecuencia dos diferentes tipos de planetas segue sendo un reto importante cos métodos actuais.

"O reto consiste en determinar se o escurecemento se debe realmente a un planeta en órbita ao redor da estrela ou a outra cousa, como estrelas binarias eclipsastes, que é o que Raven tenta responder. A súa fortaleza reside no noso conxunto de datos coidadosamente creado, composto por centos de miles de planetas simulados de forma realista e outros eventos astrofísicos que poden confundirse con planetas. Adestramos modelos de aprendizaxe automática para identificar patróns nos datos que nos permitan determinar o tipo de evento detectado, algo no que os modelos de IA destacan" reflexiona o doutor Andreas Hadjigeorghiou de Warwick, quen liderou o desenvolvemento do sistema.

Con este conxunto de planetas validados e ben caracterizados, o equipo puido ir máis aló dos descubrimentos individuais e estudar en detalle a poboación de exoplanetas próximos. Nun estudo complementario do MNRAS, mediron a frecuencia coa que aparecen planetas en órbita próxima ao redor de estrelas similares ao Sol, mapeando os resultados en función do período orbital e o tamaño do planeta cun detalle sen precedentes.

Descubriron que ao redor de 9-10% das estrelas semellantes ao Sol albergan un planeta próximo, o cal coincidía coa misión Kepler da NASA, un telescopio espacial que previamente medira a frecuencia coa que se atopan planetas ao redor doutras estrelas, pero as incertezas de Raven eran até dez veces menores.