A campaña de vacinación contra a gripe e a Covid-19 comezará o 29 de setembro

Carmen Durán e Antonio Gómez Caamaño. (Foto: Consellaría de Sanidade)
As crianzas de até 11 anos recibirán as doses a partir do 13 de outubro.

A campaña de vacinación contra a gripe e a Covid-19 comezará o vindeiro 29 de setembro, ampliará a cobertura antigripal en maiores e crianzas, e realizarase nos centros de saúde. Así o avanzou esta sexta feira en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Esta nova campaña, que ten un custo de 11 millóns de euros de fondos propios da Xunta da Galiza, traerá diferentes novidades, como a ampliación da vacina da gripe a crianzas de até 11 anos ou a administración por vía intranasal. A vacinación infantil fronte á gripe arrincará o 13 de outubro nos centros de saúde.

Ademais, haberá un programa piloto de vacinación escolar, polo que, a partir do 13 de outubro, poderá vacinarse nos colexios participantes no proxecto o alumnado desde os 24 meses de idade até os nados en 2014.

Por outra parte, no referente ás persoas maiores, ampliarase a administración da vacina antigripal de alta carga ao grupo de idade dos 70 anos aos 79 anos.

Nesta campaña de vacinación non se habilitarán grandes recintos, xa que "foron unha estratexia nun momento excepcional" como foi a pandemia e, posteriormente, mantivéronse ao proporcionar bos resultados.

Os centros de saúde como puntos principais

Este ano a administración das vacinas será organizada exclusivamente pola rede asistencial do Servizo Galego de Saúde (Sergas), onde os centros de saúde serán os puntos principais.

Alén diso, as persoas maiores de 80 anos, as residentes en centros sociosanitarios e as persoas inmunodeprimidas recibirán as doses reforzadas contra a gripe como até o momento.