Campaña galega de solidariedade con Cuba: Como colaborar coa recollida de material sanitario
A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil impulsa unha iniciativa para enviar contedores de axuda médica á illa, nun contexto marcado polo debate na ONU sobre o fin do bloqueo imposto polos EUA.
A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil promove desde hai uns meses unha campaña galega de apoio á sanidade cubana, posta en marcha o pasado xullo e que se prolongará durante os vindeiros meses.
O obxectivo é mobilizar a solidariedade do pobo galego para enviar contedores de material médico a Cuba que contribúan a paliar os efectos dun bloqueo que dura xa máis de seis décadas e que está a provocar graves dificultades no sistema nacional de saúde cubano, especialmente para a infancia, as mulleres e as persoas maiores ou con doenzas crónicas.
Precisamente este 29 de novembro a ONU vota a resolución que pide o levantamento do embargo estadounidense, unha demanda apoiada de forma case unánime pola comunidade internacional.
Segundo a Francisco Villamil, as sancións e medidas punitivas reforzadas en 2025 polo Goberno estadounidense de Donald Trump e o senador Marco Rubio agravaron a escaseza de recursos básicos. Por iso, a campaña pretende abrir novas canles de axuda e cooperación directa desde Galiza, a través dunha rede de puntos de recollida en máis de vinte localidades do país.
Que se precisa e como axudar
A asociación solicita a doazón de insumos e consumíbeis desbotábeis (xiringas, luvas, vendaxes, sondas...), medicamentos non líquidos con caducidade posterior a maio de 2026, produtos de hixiene (cueiros, compresas), gafas e monturas, así como equipamento hospitalario e clínico en bo estado, incluíndo camas, padiolas, cadeiras de rodas e instrumental cirúrxico.
As persoas e entidades interesadas poden estabelecer un punto de recollida en coordinación coa asociación, entregar directamente o material nalgún dos locais habilitados ou colaborar nas tarefas de transporte, clasificación e carga dos contedores.
Tamén é posíbel facer achegas económicas na conta IBAN ES67 2080 5000 6730 4019 4383, ou adquirir bonos solidarios de 2 e 5 euros a través da propia asociación.
Puntos de recollida en toda Galiza
A campaña conta con locais habilitados en máis de vinte cidades e vilas da Galiza, entre elas A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ribeira, Burela, Cee, Monforte, O Barco, Lalín, Verín, Vilagarcía de Arousa, As Pontes e Viveiro, entre outras. A maior parte destes puntos están situados en sedes sindicais da CIG e da CUT, así como en locais sociais e sedes da propia Asociación Francisco Villamil.
As horas e os días de recollida varían en cada un dos casos e poden consultarse na páxina web da asociación.
Solidariedade fronte ao bloqueo
Desde a Francisco Villamil subliñan que esta campaña pretende "converterse nunha iniciativa permanente de solidariedade" internacionalista. "Imos mobilizar a solidariedade e a xenerosidade do noso pobo para rachar a muralla do bloqueo a Cuba e enviar contedores de axuda", conclúen.