A campaña da gripe aumenta este ano as doses en 30%

A campaña de vacinación da gripe deste ano comezará o 13 de outubro.
O 13 de outubro arrancará na Galiza a campaña de vacinación contra a gripe deste ano, que contará con 200.830 doses máis que o pasado exercicio, até chegar ás 865.830, o que supón un aumento de máis de 30%. 

A Consellaría de Sanidade sinala que esta é unha campaña de "especial relevancia, ao producirse nun contexto de pandemia" e require este reforzo.

Desta maneira, a Administración sanitaria subliña a importancia de que os grupos de risco acudan a vacinarse, para enfrontarse ao actual escenario, no que conviven Covid-19 e virus da gripe.

A campaña oferta gratuitamente o tratamento a toda a poboación para a que está indicado: maiores de 60 anos, residentes en institucións fechadas, embarazadas e persoas con factores de risco que predispoñen a padecer complicacións desta doenza. 

Tal e como xa avanzara a Xunta en semanas previas, estenderase até final de ano, cunha duración de 12 semanas, e contará –como é habitual– con 900 puntos de vacinación entre os que se atopan centros de Atención Primaria, residencias ou centros de menores e persoas con discapacidade.

Grupos de risco

As primeiras persoas que poderán recibir a vacina serán as que forman partes de colectivos profesionais sanitarios, para os que se activará o 5 de outubro unha primeira quenda para recibila.

Entre os obxectivos figuran, segundo estabelece a Organización Mundial da Saúde, alcanzar a cobertura de 75% da poboación maior de 65 anos e dos sectores sanitarios e 60% de embarazadas e demais poboación de risco.

Unha das novidades da campaña 2020 está na inclusión na poboación 'diana', como grupo de risco, das mulleres no puerperio (até seis meses despois do parto) no caso de que non fosen vacinadas durante a xestación.

Ademais, este ano empregarase por primeira vez unha vacina tetravalente de alta carga, con 60 microgramos, que irá dirixida ás persoas máis vulneráveis, maiores de 65 anos que estean en residencias.

Tamén se empregarán antigripais tetravalentes para toda a poboación en risco entre os seis meses e os 64 anos, así como unha vacina trivalente de maior poder inmunoxénico para   maiores de 65 anos.