Calvos de Randín rexistra 11,2 graos baixo cero, a temperatura mínima na Galiza

poza xeada
A Xunta eleva a nivel laranxa a alerta por frío no sur de Ourense, cos termómetros por baixo dos 8 graos baixo cero

O concello de Calvos de Randín, na comarca da Limia, rexistrou esta terza feira a temperatura mínima máis baixa de toda Galiza, con 11,2 graos baixo cero.

Este municipio é un dos concellos afectados pola intensa baixada das temperaturas dos últimos días, pola que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou hoxe a alerta laranxa na zona surleste do país, onde se esperan mínimas por baixo dos 8 graos baixo cero.

Ademais de Calvos de Randín, segundo rexistraron as estacións meteorolóxicas de Meteogalicia, puntos como Verín-Vilela, con 9,1 graos baixo cero; Baltar, con 7,9 graos baixo cero e Xinzo de Limia, onde se alcanzaron os 6,6 graos baixo cero, foron os concellos galegos coas mínimas máis baixas da xornada.

Coa fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do 112 Galiza, informou da situación aos concellos afectados, aos servizos provinciais de Protección Civil e aos bombeiros, entre outros efectivos. De momento, en ningún destes concellos se rexistraron incidencias de gravidade.

Ademais desta situación, a Xunta activou a alerta amarela por frío, con temperaturas de até 2 graos baixo cero, no suroeste da provincia da Coruña, na zona do Miño de Ourense e de Pontevedra, así como no interior pontevedrés.