Caen os novos contaxios por baixo de mil pero sobe a presión hospitalaria

Cribado poboacional con tests de antíxenos na área sanitaria de Ourense. (Foto: Xunta da Galiza).
Os casos activos descenden a 18.807 mentres a taxa de positividade rolda 15%.

Galiza inicia a primeira semana de agosto cun descenso dos novos contaxios de Covid a 939. Despois de 13 xornadas consecutivas por riba do millar, os novos positivos volven situarse por baixo desa marca. Doutra banda, os pacientes hospitalizados por este coronavirus increméntanse a 328 -unha ducia máis-.

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros de até as 18 horas do domingo, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI descenden lixeiramente até as 43 -unha menos-, mentres que os hospitalizados noutras unidades aumentan a 285, o que supón 13 máis. Ademais, hai 18.479 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en todas, salvo na de Vigo, onde diminúe.

Baixan os casos activos

En canto aos casos activos de Covid-19, tras o lixeiro incremento da xornada anterior e o descenso rexistrado o sábado, o último balance do Sergas volve apuntar unha caída das infeccións activas até as 18.807, 157 menos.

Con respecto ao mesmo día da semana anterior, hai 1.509 cosos activos máis que as 17.298 rexistradas o 26 de xullo, após máis dun mes en ascenso continuo até este pasado sábado.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden nas de Ourense (-108), Vigo (-107), Pontevedra  (-22) e Lugo (-9) e soben nas da Coruña (+56), Ferrol (+24) e Santiago (+9).

Deste xeito, con máis infeccións activas mantense a área de Vigo, con 4.577; seguida da da Coruña, con 4.002; Pontevedra, con 2.925; Santiago, con 2.302; Lugo, con 2.257; Ourense, con 1.763, e Ferrol, por baixo do milleiro, con 981.

Menos de mil novos contaxios

Por primeira vez, desde o 19 de xullo, o rexistro de novos contaxios baixa do millar. O reconto informa de 939 positivos, 176 menos que o luns pasado..

Do total de Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) anotadas polo Sergas no último día, 234 corresponden á área da Coruña, 162 á de Pontevedra, 129 á de Vigo, 128 á de Lugo, 109 á de Santiago, 72 á de Ferrol e 71 á de Ourense.

A taxa de positividade media nos últimos sete días segue disparada perto de 15% moi lonxe de 5% que estabelece a OMS para dar por controlada a pandemia. Pola súa banda a incidencia acumulada mantense por riba de 300 casos a sete día e de 640 a 14.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 2.464 despois notificar Sanidade este domingo tres mortes. A dunha muller de 80 anos ingresada en Povisa, un home de 54 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e outro home de 58 anos no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac). O tres presentaban patoloxías previas.

Fronte a iso, 137.899 pacientes curáronse deste coronavirus en Galicia desde o inicio desta crise sanitaria, que representan 1.093 persoas máis que as contabilizadas até o día anterior.