Cae unha ponte da A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro sen que haxa persoas feridas

Treito afundido da ponte da A-6. (Foto: CRTVG)
Non houbo persoas feridas dado que a circulación levaba un ano cortada por mor das obras que se estaban a producir.

Parte da ponte dos Castros, situada na autovía A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro en sentido cara á Coruña, caeu na mañá desta terza feira á altura do quilómetro 431, segundo apuntaron fontes de Tráfico da Garda Civil.

Este desprendemento, producido nun treito duns 50 metros de lonxitude entre dous alicerces da ponte, non provocou feridos nin danos máis aló dos materiais.

Precisamente a A-6 a esta altura, entre a localidade leonesa do Castro e o municipio galego de Pedrafita do Cebreiro, están a realizarse obras de reparación e mantemento desde hai perto dun ano.

No momento en que caeu parte do viaduto non se atopaban vehículos en circulación nese carril, mais si no paralelo, en dirección Madrid, que segue aberto ao tráfico.

A alcaldesa de Veiga de Valcarce (León), á que pertence O Castro, María Luisa González, en declaracións a Europa Press, gabouse de que o accidente se saldase sen feridos e lembrou que "xa se sabía, polos técnicos, que os traballos de reparación neste viaduto non ían resultar fáciles, como así acabou hoxe a historia, debido á súa grave deterioración xa que soporta moita circulación e por mor da gran cantidade de fundentes que é preciso utilizar no inverno a causa do mal tempo".

Ante o ocorrido, a rexedora confesa un certo temor. "Méteseche o medo no corpo, pero supoño que cando reparen a ponte quedará todo en perfectas condicións", apuntou González, quen confía en que unha vez concluídas as obras mellore de forma notábel a comunicación na zona, onde un dos viadutos fica agora aberto e a respecto do sinistrado o tráfico do Castro derívase pola antiga estrada N-6.

"Queremos que os traballos rematen cando antes porque As Lamas e O Castro non poden acceder pola N-6 cara a Pedrafita, antes si que o facían e agora teñen que baixar á Portela. Pero o que nos interesa é que os viadutos queden en perfectas condicións", salientou a alcaldesa.

Pola súa parte, o rexedor de Pedrafita, José Luis Raposo, engadiu: "Non son enxeñeiro, mais aí tivo que haber fallos cando foi a construción". Aliás, sinalou que só hai outro modelo de ponte coma esta no Estado español: "Crucemos os dedos os condutores cando pasemos".