EN SOLIDARIEDADE CON HADRIáN

Unha cadea humana une Malpica pola atención educativa domiciliaria

De “éxito absoluto”. Así cualificou Javier Sánchez, o presidente das ANPAS galegas, a cadea humana que uniu a casa de Hadrián á escola para reclamar unha correcta atención educativa domiciliaria.

Ás 12h da casa de Hadrián, o rapaz enfermo crónico ao que a Xunta de Galiza non lle garante o ensino domiciliario, partía unha cadea humana até o CEIP Milladoiro de Malpica, onde cursaba en xaneiro deste ano 5º de Primaria, pasando polas rúas Eduardo Vilafanno, Raimundo Criado, Patria Galega e Rueiro do Campo. A reivindicación non era outra que garantir unha correcta atención educativa hospitalaria e domiciliaria para o alumnado enfermo.

En declaracións a Sermos Galiza, Javier Sánchez, presidente da Confederación de ANPAS galegas, sinala que convocaron a manifestación para solicitar unha nova normativa que estabeleza cal debe ser a atención necesaria para o alumnado enfermo. A Confederación considera que, como mínimo, ao alumnado enfermo debe prestárselle 2,5 horas diarias de aulas na casa.

Javier Sánchez (ANPAS): "Esperemos que a mobilización sirva para que o conselleiro se dea de conta do clamor social"

O representante dos nais e pais pon de manifesto que espera que o éxito da convocatoria “sirva para que o conselleiro de Educación, dunha vez por todas, se dea de conta do clamor social e da necesidade de regular a atención domiciliaria en condicións”. Porque, insiste, é unha reivindicación social, “sobraba xente, non podiamos sequera estirarnos”. Javier Sánchez asegura que a única novidade que se produciu desde que saíu á luz o caso de Hadrián foi a elaboración dun protocolo por parte da Xunta “para tentar calar a boca”. Di que “non é un protocolo nin é nada porque non estabelece nin medidas nin dereitos concretos. A regulación non se mudou”.

As ANPAS galegas continuarán convocando protestos até que a Xunta de Galiza cumpra coa atención educativa domiciliaria, “eles pensan que está todo resolto metendo a cabeza debaixo da á, mais nós imos seguir loitando e demandando que se cumpra un dereito que é fundamental”.

Nieves, a nai de Hadrián: “Chamo todos os días a Consellaría e sigo sen ser capaz de falar co conselleiro”

Nieves Villar, a nai de Hadrián, salienta a acollida da cadea humana da mañá deste sábado, “percibín moita solidariedade e moito apoio”. Apunta que houbo “moita xente; tanta, que a cadea podía dar a volta ao percorrido e mesmo volver”. Cóntanos que non baixa a garda e que seguirá loitando para que se recoñeza o dereito das crianzas enfermas a contar cunha atención educativa a domicilio correcta. De feito, salienta que chama a Consellaría de Educación “todos os días. Falo coa secretaria do Gabinete e sigo sen ser capaz de falar co conselleiro”. “Onte mesmo –pola sexta feira, 11 de decembro- chameinos e convideinos a vir á cadea humana, mais non apareceron”, lamenta.