“A nossa solidariedade é imparável”: Unha cadea humana reivindica en Compostela a liberdade dos presos independentistas

Foto: @gzcontrainfo

Por volta de 300 persoas tomaron parte no tradicional acto de Ceivar na véspera do Día da Patria para mostrar solidariedade para cos presos e presas independentistas galegos.

“A nossa solidariedade é imparável”. O lema protagoniza cartaces, faixas e colantes na cadea humana a favor dos e das presas independentistas galegas. Mais non é o único: “Liberdade presos independentistas”, “Dispersión é tortura”, “Amnistía” ou “Audiencia Nacional, Tribunal da represión” son algunhas outras consignas que se plasman neste xa tradicional acto do 24 de xullo, convocado por Ceivar desde hai máis dunha década. Doce anos, en concreto, nos que as rúas da capital galega acollen cada véspera do Día da Patria Galega unha mobilización que sitúa na súa cerna a solidariedade para con este colectivo de presos e presas galegas e a defensa dos seus dereitos, así como a reclamación da súa liberdade.

O punto de saída, como sempre, a Praza da Galiza, desde onde as concentradas saen xa pasadas as sete da tarde, de mans dadas, para percorrer en ringleira rúas e prazas da zona vella da capital galega. Todo 'escoltado' cun amplo despregamento de axentes e antidisturbios da policía española. 

A marcha deste ano está marcada pola detención de catro independentistas, Miguel García, Antom G. Matos, Asunción Losada e J.M. Sánchez, aos que as forzas de seguridade consideran membros ou colaboradores de Resistencia Galega.  Estas catro persoas están presas actualmente en cárceres afastadas da Galiza. En prisións do país ou próximas a el cumpren condena presos independentistas como Eduardo Vigo, Roberto Fialhega, Raul Agulheiro, Hadrián Mosquera e Carlos Calvo.