O Goberno estatal presume de achegar "case cinco de cada dez euros" que a Xunta destinou ao SAF en 2025

A conselleira de Política Social, Fabiola García, no pleno do pasado 11 de febreiro. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

O DOG fixo públicas a pasada quinta feira as transferencias efectuadas pola Xunta para financiar os servizos comunitarios dos concellos.

O Diario Oficial da Galiza vén de publicar esta segunda feira as contías das transferencias efectuadas o ano pasado pola Xunta para financiar os servizos sociais comunitarios dos concellos. Unha información que amosa que do total de 111 millóns de euros orzados inicialmente pola Xunta para financiar as axudas no fogar a persoas dependentes, así como o SAF dos Concellos, 52 millóns foron aportados polo Goberno estatal a través do Ministerio de Dereitos Sociais, segundo destacan desde o Executivo.

Neste senso, o Goberno estatal financiou cinco de cada dez euros destinados pola Xunta aos concellos para financiar as prestacións básicas dos servizos sociais e o reforzo dos equipos de atención á infancia e á familia nos servizos de atención primaria.

Neste caso, o Ministerio de Dereitos Sociais achegou 8,7 millóns dos 15,2 millóns que tiña orzamentado a Xunta para financiar estes servizos básicos a nivel municipal. Na actualidade o custo dos SAF rolda os 24 euros por hora, dos cales 12 son achegados pola Administración galega.

Nesta liña, a Xunta da Galiza e a Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) asinaron o 5 de febreiro, o novo acordo de financiamento do SAF, polo que se incrementará este ano dos 12 aos 16 euros por hora a achega da Administración galega aos concellos. En 2027, o prezo actualizarase aos 17 euros, e en 2028, até os 18 euros por hora.

Un acordo que para a CIG é “insuficiente”, posto que "se hoxe o custo é 24 [euros por hora], en 2028 vai ser superior". "Cando se incrementa un custo que xa é meramente insuficiente, vai haber recargos na contía", sinalaron desde o sindicato nacionalista.