Unha de cada catro prazas hospitalarias do sistema sanitario galego son privadas

Camas hospitalarias. (Foto: Nós Diario)

Ao redor de 30% dos facultativos colexiados na Galiza traballa para a sanidade privada.

O anuncio este domingo da ministra de Sanidade, Mónica García, de que o Goberno español ultima a nova Lei de Xestión Pública e de Integridade do Sistema Nacional de Saúde, que “limitará” a colaboración público-privada, para aprobala a principios do 2026, volve á primeira liña a situación da sanidade privada e a súa relación coas administracións. Tamén na Galiza.

Así, segundo se recolle no proxecto de Orzamentos da Xunta da Galiza que está xa na Cámara galega, a Consellaría de Sanidade destinará a concertos co sector privado en 2026 a cifra récord de 261,7 millóns. Unha cifra que supera en 16 millóns a que se destinou no presente ano (2025) a esa mesma finalidade.

E cal é a realidade da sanidade privada na Galiza? De cada catro camas que hai nos hospitais da Galiza, unha está nun centro privado. Neles hai 2.156 das 9.820 prazas que hai, o que representa 22%.  O dato figura no informe Análise da situación da sanidade privada na Galiza 2025 publicado pola Fundación IDIS entidade que aglutina as principais empresas do sector sanitario privado.

En apenas unha década a sanidade privada avanzou posicións na Galiza. Un dos datos que mellor exemplifica esta evolución é que se en 2014 os hospitais privados representaban 45% de todos os hospitais galegos, agora esa porcentaxe é de 55%, é dicir, 10 puntos máis. Xa son maioría: 18 centros privados fronte a 15 que fan parte do sistema de sanidade pública.

A maiores, nestes 10 anos, tamén se deu un aumento do peso dos hospitais privados que teñen concertos coa Administración publica. En 2014, até 79% dos centros hospitalarios de propiedade privada na Galiza estaban nestes concertos, unha cifra que subiu até 83,3%, catro puntos máis.

Esta fin de semana coñecíase que os tempos medios de espera para unha consulta ou para unha intervención cirúrxica están a rexistrar un aumento na sanidade privada, dependendo das especialidades, segundo sosteñen representantes sindicais do sector consultados por Europa Press, o que vinculan, principalmente, cunha maior derivación de pacientes desde a sanidade pública, pero tamén á falta de profesionais e un aumento de asegurados.

Ademais, ao redor de 4.400 médicos están dados de alta no Rexistro de Centros, Servizos e Estabelecementos Sanitarios da Galiza, polo que traballan para a sanidade privada. 30% dos facultativos colexiados na Galiza traballa para o sector privado.