Nas vacinacións masivas

Unha de cada catro persoas convocada a se vacinar esta fin de semana na Galiza non acudiu

Vacinación masiva no Instituto Ferial de Vigo (Ifevi)

Estaban chamadas 42.000 ás "vacinacións masivas" e presentáronse 32.500.

 

 

A Xunta vacinou durante esta fin de semana contra a Covid-19  un total de 32.560 persoas pertencentes aos grupos poboacionais de entre 60-65 anos e 70-79 anos. Así, das máis de 42.000 persoas chamadas a vacinarse en grandes recintos, durante as xornadas do sábado e do domingo, o 75% acudiu a vacinarse contra o coronavirus. Un 25%, unha de cada catro, non acudiu á cita.

Na xornada do domingo, nos recintos de vacinación masiva habilitados por Sanidade, vacináronse un total de 21.274 persoas pertencentes ao segmento de poboación comprendido entre os 70 e os 79 anos. Das 25.550 persoas que estaban citadas, vacináronse coa primeira dose o 83%.

Atendendo ás diferentes áreas sanitarias, este domingo 4.336 persoas foron vacinadas na área de Coruña-Cee, 1.527 na área de Ferrol, 3.886 na de Santiago-Barbanza, 1.989 na de Pontevedra-O Salnés, 4.366 na de Vigo, 2.476 na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras e 2.694 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Cribado

Durante esta fin de semana a Dirección Xeral de Saúde Pública intensificou a realización de cribados poboacionais en diferentes localidades galegas. Así, das preto de 25.000 persoas que estaban chamadas para realizar probas diagnósticas, 25 deron resultado positivo.

En concreto, detectáronse 11 casos no conxunto de puntos de cribado habilitados na cidade da Coruña, 1 positivo no aeroporto de Alvedro; 4 no cribado realizado en Meira, 1 no do Barco de Valdeorras e 8 nas diferentes probas realizadas en Vilanova de Arousa.