Un de cada catro galegos, exfumador

Máis da metade da poboación galega de 15 ou más anos nunca prendeu un cigarro. Un 18% é fumadora a diario, case tres puntos menos que en 2012.

A confraría das galegas e galegos ex fumadores continúa engrosando. Case 28% das e dos habitantes da Galiza fumaba e deixouno. Máis de 650.000 persoas. En 2012 non chegaban a 400.000 as ex fumadoras. Daquela era ex fumadora 16,3% da poboación galega.

Son dados do Instituto Galego de Estatística, que indica que 53,9% da poboación de 15 ou máis anos da Galiza nunca fumou e que case 18% fuma a diario. Son 422.000 persoas as que no noso país fuman todos os días, 61.000 menos que as que había en 2007, cando as fumadoras eran 20,3% da poboación.

O número de persoas fumadoras leva anos en descenso. A maior concienciación sobre os efectos prexudiciais de tabaco, as leis e normas que restrinxen os espazos onde se pode fumar, a mudanza de hábitos ou a crise económica son algúns dos factores que están tras esta baixada.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) sitúa o tabaquismo como o principal factor de risco á hora de desenvolver cancro e causa por volta de 22% dos falecementos por esta enfermidade en todo o mundo.

A propia OMS indica que case a metade das persoas fumadoras morre como consecuencia deste hábito.