Cabazas desde o ensino público para un conselleiro “sumiso” ante a Lomce e as reválidas

Imaxe: CIG Ensino

A Plataforma galega en defensa do ensino público entregou ducias de cabaceiras no rexistro da Xunta. Unha forma de evidenciar, afirman, o “suspenso” da Consellería de Educación.

O conselleiro de Educación, Ramón Rodríguez, recibiu esta quinta feira ducias de cabazas, remitidas desde a Plataforma galega en defensa do ensino público, como “suspenso” á súa actitude perante a Lomce e as reválidas. Integrantes dos colectivos que integran a plataforma entregaron no rexistro da Xunta ducias destas cabaceiras, cumprindo así o que anunciaran a semana pasada, cando informaron dunha vaga mobilizadora que ían manter ““até derrogar a Lomce e as reválidas”

Anxo Louzao, portavoz da plataforma e secretario nacional de CIG-Ensino, explicou que con esta entrega de cabazas querían “visualizar o suspendo da Consellería” e a actitude “sumisa” do propio conselleiro perante a Lomce e as Reválidas. Louzao lembrou que mentres outros territorios optaron por non aplicar a Lomce, na Galiza optouse por unha postura de 'vasalaxe' a respecto do PP de Madrid. “A gran maioría da comunidade educativa está en contra”, reiterou Anxo Louzao, poñendo como exemplo a alta ausencia nas anteriores reválidas.

Novas accións

A entrega de cabazas non pon fin ás mobilizacións da PGDEP. Para o día 20 de outubro convocaranse concentracións de alumnado e profesorado nos centros de ensino, durante a hora do recreo, para amosar o seu rexeitamento á LOMCE coincidindo coa celebración dunreferendo convocado por Erguer –que forma parte da Plataforma. Ademais pedirase aos centros que penduren en lugares visíbeis pancartas co lema “Nin reválidas nin LOMCE”. Insisten estes colectivos en que as reválidas “supoñen un prexuízo para o alumnado e atenta contra a igualdade de oportunidades porque os máis afectados serán os alumnos e alumnas das clases populares, que terán máis dificultades para acceder a niveis superiores no sistema educativo”.