Buscan tres encapuchados que asaltaron unha parella en Meis a punta de pistola e esparexendo gasolina
A Garda Civil busca a tres homes que asaltaron unha parella en Meis (comarca do Salnés) esta mañá para roubarlles, a punta de pistola e regando a muller con gasolina.
Segundo informou o subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Abel Losada, o suceso produciuse á primeira hora da mañá desta terza feira, sobre as 5.30 horas, cando a parella, duns 50 anos, saía da súa casa camiño do traballo.
"Extremada violencia"
Foron abordados no exterior da súa vivenda, obrigados a introducirse de novo na mesma. Colocáronlles bridas e obrigáronos a entregar o diñeiro que tivesen no domicilio, que se atopa nunha zona illada, o que facilitou a comisión destes feitos.
Tanto o home como a muller foron "brutalmente golpeados" e ela ademais, rociada con gasolina. Foi ameazada tamén cunha pistola que non se sabe aínda se era real ou simulada. Neste momento ambos os dous están ingresados nun centro hospitalario para recuperarse das lesións sufridas.
"Os feitos producíronse cunha extremada violencia e non teñen precedentes recentes nin encaixan nos parámetros de delitos similares en roubos en vivendas nos últimos anos na provincia. Esta é a razón pola que a Garda Civil montou un amplo dispositivo de procura en toda a comarca de Arousa", informou o subdelegado. Losada sinalou tamén a que os sospeitosos parecen ser de nacionalidade española e fontes da investigación apuntaron que os atacantes teñen "acento galego".
Controis policiais
A Garda Civil despregou un gran dispositivo de busca, con controis policiais nas estradas de todo o Salnés e tamén fóra desta comarca. Axentes traballaron durante varias horas no domicilio das vítimas, situado na parroquia da Moroza, que abandonaron pasadas as 12 horas con varias bolsas con probas. Polo momento, non se descarta ningunha hipótese.