Buscan o autor de varios disparos contra un veciño de Maceda que resultou ferido na faciana e no abdome

Casa do Concello de Maceda. (Foto: Nós Diario)
Non periga a vida do ferido.

Un despregamento de axentes da Garda Civil busca o autor de tres disparos contra un mozo duns 30 anos de idade que reside no concello de Maceda e que quedou ferido grave, despois de que os proxectís impactasen no seu rostro, abdome e nunha man.

Fontes coñecedoras dos feitos confirmaron a Europa Press que a vítima foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) polas feridas dos disparos, aínda que agora mesmo xa está fóra de perigo vital.

A Garda Civil de Ourense explicou aos medios que os axentes recibiron aviso do ataque sobre as 22 horas. O incidente ocorreu na súa propia vivenda, onde foi asaltado polo agresor.

O dispositivo policial puido acceder ao domicilio, que se atopa na rúa Cardeal Quiroga de Maceda, pero o presunto autor dos disparos xa non se atopaba nela. Despois de atender o ferido, os axentes procederon á recollida de probas no escenario dos feitos.

Sen pistas polo de agora

Segundo explicou a Europa Press o alcalde de Maceda, Rubén Quintás, a Garda Civil despregou por todo o concello un amplo dispositivo para intentar localizar o atacante es esclarecer os motivos do sucedido.

Porén, no momento de publicar esta noticia os axentes policiais non comunicaron ningunha novidade sobre a investigación do caso.

Polo de agora, a Garda Civil mantén todo o abanico de hipóteses aberto sobre o asalto. Busca un home do que contan con poucos datos, segundo as fontes de investigación consultadas por Europa Press, xa que o ferido só fixo unha pequena declaración inicial dado o seu estado de saúde.