Rouban 300.000 euros a punta de pistola nunha sucursal de CaixaBank en Vigo

O atraco produciuse nunha sucursal de CaixaBank situada na rúa Gran Vía. (Foto: Nós Diario)
Polo momento, non transcenderon detencións nin a identidade dos atracadores e a Policía Nacional despregou un dispositivo na cidade para dar con eles.

A Policía Nacional mantén activado un operativo de busca para atopar tres atracadores que na tarde desta quinta feira asaltaron unha sucursal de CaixaBank en Vigo, da que levaron unha cantidade que roldaría os 300.000 euros. Segundo informan fontes coñecedoras da investigación citadas pola axencia Europa Press, ocorreu pasadas as 18 horas da tarde nesta oficina situada no número 78 da Avenida da Gran Vía.

Algún dos presuntos asaltantes mesmo empuñaba unha pistola para cometer este atraco no que se fixeron cun botín próximo aos 300.000 euros. Polo momento, non transcenderon detencións nin a identidade dos atracadores e a Policía Nacional despregou un dispositivo na cidade, coa axuda da Local, para dar con eles.

Esta mesma semana, a Garda Civil de Pontevedra informaba da detención de catro persoas vinculadas con dous atracos en entidades bancarias da provincia dos que subtraeron máis de 140.000 euros.