Un autobús que realizaba o traxecto Pontedeume-Ferrol recibe dous impactos de bala

Aspecto no que quedou o vehículo. (Foto: Monbus)
Os disparos romperon unha xanela.

O autobús con saída ás 7.20 horas entre Pontedeume e Ferrol recibiu na mañá desta segunda feira, no lugar de Limodres, dous impactos de bala, un contra a carrozaría e outro contra unha xanela, que é de dobre cristal.

Fontes da empresa que xestiona esa liña, Monbus, confirmaron a presentación dunha denuncia perante a Garda Civil para pór en coñecemento das autoridades o sucedido.

Aínda que como consecuencia do impacto o autobús puido seguir circulando até Ferrol, unha vez na estación da cidade departamental a empresa cambiou de vehículo para continuar o traxecto até A Coruña e "cumprir os seus horarios".

Dáse a circunstancia de que esta liña é froito das críticas das persoas usuarias de forma recorrente, xa que demandan melloras na conexión da comarca de Ferrolterra e máis frecuencias.

Tal e como informa na súa páxina de Facebook a Plataforma Transporte Público Digno en Ferrol e Comarca, as usuarias fan unha "condena de todo tipo de actos vandálicos" e esperan que estes "se esclarezan".

"Seguimos coas nosas reunións, protestas e mobilizacións, sempre previa autorización e aviso ás autorizadades pertinentes e á poboación", explicaron esta mesma segunda feira nun comunicado.