O buque refuxiado en Vigo ten carga a bordo cualificada como "con perigo de explosión en masa"

O buque 'HC Eva Marie' atracado no porto de Vigo. (Foto: Europa Press)
As expertas chaman á "tranquilidade" e lembran que este tipo de mercancías está sometia a protocolos estritos. 

O buque HC Eva Marie atracou no porto de Vigo o pasado 26 de xaneiro, obrigado pola dureza do temporal Eowyn, que danou nove dos 96 contedores do barco que transportan munición e explosivos. O buque, que ten como destino Alemaña, permanece no porto vigués con ao redor de 2.000 toneladas de material explosivo a bordo. Falamos con dúas persoas expertas sobre a mercadoría e os seus posíbeis riscos. 

A carga que transporta o buque amarrado nos peiraos vigueses  está tipificada como de Clase 1, División 1.1, Tipo E. A decana da Facultade de Químicas da Universidade de Vigo, Ángeles Peña, explica a Nós Diario que esta é unha denominación que responde á clasificación recollida no Real Decreto 145/1989 e que nos permite saber que é unha carga "de explosivos, con perigo de explosión en masa".

Pola súa parte, Manuel Rodríguez, decano do Colexio de Químicos da Galiza, responde a preguntas deste medio que ao falar de "explosión en masa", refírese a que "afecta, dunha forma instantánea a case toda a carga". "Que é do Tipo E quere dicir que a mercadoría xa ten una materia explosiva, secundaria, detonante sen necesitar medios de cebado con carga propulsora".

Ángeles Peña incide en que existen uns "protocolos moi ríxidos" para todo o que ten que ver con este tipo de mercadoría. "Que teña ese código non só permite saber que produto é, tamén todo o referente ao seu tratamento, transporte, que medidas adoptar... dá unha seguridade", afirma a decana da facultade viguesa. 

Normativa estrita

Rodríguez sinala que a carga deste buque está sometida á  normativa IMDG de transporte de mercadorías perigosas en barco. Unha serie de normas e leis que "obrigan a que estas mercadorías, consideradas perigosas para o transporte, teñan que transportarse en elementos que fagan seguro o transporte, desde que sae da orixe até que chega ao destinatario". O control é máximo, coinciden ambos expertos.

"Polo tanto", prosegue o decano do Colexio Oficial de Químicos, "esa mercadoría se se meteu no barco para ser transportado quere dicir que non debe supor un risco, neste caso de explosión, durante o seu traslado".

A Autoridade Portuaria de Vigo, após unha inspección do buque, afirma que os danos sufridos polo HC Eva Marie no temporal "só afectan a estrutura externa dos contedores", "mais en ningún momento á mercadoría que transportan".

A maiores, a empresa cargadora, a través dunha nota de prensa da Autoridade Portuaria viguesa, sinala que os obuses están desmontados, e perfectamente estibados, "tal e como estabelecen as normas internacionais para o movemento desta mercadoría".

Peña lembra que traballar con explosivos sempre pode implicar algún risco —"o perigo cero non existe"— mais que de se cumprir normas e protocolos, non hai motivos para a preocupación, Por iso fai unha apelación á "tranquilidade".

Pola súa parte, Manuel Rodríguez, á pregunta de Nós Diario de se actualmente este buque ten "algún tipo de perigo ou risco para a cidadanía", responde: "Non ten que supor un perigo para a cidadanía, a menos que chegue ao barco algunha persoa con ganas de facer dano".

O BNG interpela o Goberno estatal

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou na terza feira unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno estatal sobre as medidas adoptadas no Porto de Vigo en relación a este buque. "Sorprende que a primeira inspección ou comprobación do estado da carga se producise catro días despois da chegada do buque, así como que non se teñan datos oficiais sobre a cantidade de explosivos que transporte ou da súa composición, máis alá das declaración realizadas pola propia empresa cargadora", sinalou.

"O risco dunha explosión dos contedores do HS Eva Marie non debe minusvalorarse, e deben adoptarse todos as medidas e precaucións precisas para evitar un posíbel accidente semellante aos citados de Beirut ou Halifax. Cautelas que non parecen terse adoptado neste caso", engadiu.