Após unha denuncia do BNG

Bruxelas investigará o estado español por incumprir as directivas sobre a seguridade ferroviaria

Vagóns do Alvia destrozados após o sinistro

A eurodeputada do BNG Ana Miranda considera que a Comisión Europea lle dá a razón.

A Comisión Europea vai abrir un procedimento formal de infracción ao estado español por achar indicios de que Madrid non se ten axustado aos requerimentos da lexislación comunitaria en materia de seguranza ferroviaria. Esta decisión é produto da reivindicación das familias das vítimas do sinistro do Alvia —80 persoas falecidas, 144 feridas— e da denuncia interposta pola eurodeputada do BNG Ana Miranda contra o estado español (Goberno, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarrís, ADIF e Renfe Operadora).

 

A denuncia rexistrouna Miranda o 7 de xullo de 2017 "xusto un ano despois de que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) entregara á Asociación de Vítimas do Alvia 04155 e ao BNG o informe que cuestiona a independencia da investigación realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)", informa o Bloque en nota de prensa.

 

Bruxelas non entra a cuestionar a seguridade do transporte ferroviario no estado, mais si o non cumprimento por parte das autoridades españolas das directivas que regulan este asunto, segundo indicaron fontes da Comisión ao diario El País.

 

No albo da comisión, os procedimentos despregados polo CIAF, sen que repare en ningún sinistro en concreto.

 

O BNG felicítase pola abertura deste expediente. “Chega dende Europa o momento de coñecermos a verdade e a xustiza, algo non acadado no Estado”, avaliou a eurodeputada Ana Miranda.