Suplemento Gozar

'Brunch', entre o almorzo e o xantar

Torrada con aguacate, tomates cereixa e ovo escalfado.
Debullamos os pratos típicos da comida máis popular nas fins de semana.

O brunch, demasiado tarde para ser almorzo e demasiado cedo para ser xantar, é unha comida que xurdiu no Reino Unido e o seu nome ven dunha mistura das dúas palabras en inglés, breakfast e lunch. Nun brunch poderíamos comer calquera cousa, pero co tempo converteuse en algo máis ceremonioso, moito máis que un almorzo tardío. En xeral adoita combinar comidas doces e salgadas, café ou té, zumes, froitas e ademais algún cóctel para comezar con forza o día. Entre toda esta cantidade de comida hai auténticos clásicos que non poden faltar, hoxe imos debullar algúns deles.

Se comezamos polos salgados, o ingrediente por excelencia é o ovo, está presente en moreas de pratos. Os máis famosos de todos son os ovos beneditinos, consisten nunha torrada cuberta con xamón cocido ou beicon, cun ovo escalfado por enriba e todo bañado con salsa holandesa.

Con ovos escalfados e con aguacate, un ingrediente que virou súper popular nos almorzos dos últimos anos, podemos facer outra torrada diferente. Ademais se lle engadimos tomates cereixa e pementa moída por enriba resultará aínda máis gorentosa. Outro prato que tamén leva ovo, pero neste caso fritido, é o Croque-madame.

É de orixe francesa e é unha versión do Croque-monsieur, un sandwich recheo e cuberto con bechamel. A versión con ovo por enriba chámase madame, señora en francés, porque o ovo recordaba ao sombreiro das donas da época. Hai outros moitos xeitos de preparar os ovos, poden ser tamén cocidos, en revolto ou incluso nun vistoso pastel salgado con cabaciña e pan.

No lado máis doce da mesa podemos atopar froitas en diferentes formas: fresca, en zume ou en batidos, e tamén mesturada con iogur e con granola ou outros cereais. Son moi famosas tamén as torradas francesas. Son similares ás torradas que coñecemos, a diferenza é que se mollan directamente nunha mestura de leite e ovo e emprégase manteiga para fritilas, o que lles dá un sabor característico.

Ao falar de doces clásicos do almorzo, poderíamos incluir outras moitas opcións: chulas, filloas, boliños, biscoitos ou tortas, como por exemplo a torta de queixo con mel e tomiño que vos propoño. Finalmente, para facer aínda máis festivo e requintado este almorzo-xantar non poden faltar os cócteis. Os máis famosos son as Mimosas, unha mestura de champaña e zume de laranxa e o Bloody Mary, a popular combinación de zume de tomate e vodka.