A borrasca 'Oriana' devolve a chuvia a Galiza e o nivel de aviso amarelo por vento e ondas

Un día de temporal en Ribadeo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As chuvias serán máis abundantes contra a noite.

A borrasca 'Oriana' pon este domingo en aviso amarelo e laranxa por vento e ondas gran parte do territorio estatal. Galiza, ademais de Aragón, Illes Balears, Castela-A Mancha, Catalunya, Andalucía, Murcia, País Valencià e Melilla. Só as Illes Balears, Catalunya e o País Valencià estarán en nivel laranxa, mentres que no resto manterase a alerta amarela, após se desprazar 'Oriana' cara ao Mediterráneo, onde agardan ventos furacanados.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé unha situación marcada polas altas presións, aínda que unha fronte rozará o norte peninsular, deixando que os ceos estean nubrados ou cubertos na metade norte, salvo no nordeste, onde predominarán os intervalos nubrados, mentres que na metade sur e Balears espéranse ceos pouco nubrados ou con intervalos de nubes altas.

Na Galiza, a área cantábrica e o cara norte do Perineo rexistraranse precipitacións débiles e dispersas, que tenderán a intensificarse e xeneralizarse cara a última hora. As temperaturas máximas experimentarán un ascenso xeneralizado na Península.

Aemet activa unha alerta amarela por fenómenos costeiros desde a rúa de Muros e Noia até A Mariña, que esta segunda feira, 16 de febreiro estenderase a todo o litoral galego. O aviso amarelo por chuvias afecta desde a comarcas do Barbanza até Terra de Soneira e cara ao interior, alcanzando o Eume polo norte e A Paradanta polo sur. Ademais, Meteogalicia tamén avisa de refachos fortes de vento, superiores aos 80 km/h, en zonas altas da Mariña até a media noite.

Ríos e encoros

Por outra parte, a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) mantén en nivel vermello o río Miño ao seu paso pola Peroxa (comarca de Ourense), así como o Avia-Miño no municipio de Ribadavia (O Ribeiro). Segundo a última actualización de niveis, con datos das 15 horas deste sábado, outros tres ríos mantéñense en nivel laranxa. Trátase do Sil ao seu paso polo Barco de Valdeorras, o Miño ao seu paso por Ourense e o Avia en Ribadavia. Tamén permanece en alerta laranxa o río Miño ao seu paso por Salvaterra (O Condado).

En canto aos encoros, continúan con niveis de ocupación altos, nalgúns casos por riba de 95% e algúns, desaugando: San Martiño en Quiroga (677,94 metros cúbicos por segundo), Montefurado en Quiroga (135,15 m3/seg), Bao no Bolo (133,81 m3/seg) ou Velle en Ourense (1.762,86 m3/seg).