A borrasca 'Claudia' deixa máis dun cento de incidencias na Galiza: caída de árbores e inundacións

A estación Sar-Bertamiráns, no concello de Ames (comarca de Compostela) superou o limiar de prealerta. (Concello de Ames)
Ventos de 132 quilómetros por hora en Cervantes (Os Ancares) e chuvias acumuladas de 79 litros por metro cadrado en Santa Comba (Xallas).

A borrasca 'Claudia' deixou máis dun centenar de incidencias na madrugada da terza á cuarta feira na Galiza, aínda que sen danos persoais. Segundo informa o 112 Galiza, a maioría das intervencións dos equipos de emerxencias estiveron relacionadas coa caída de árbores, tendido eléctrico e postes, así como inundacións en estradas, garaxes e vivendas.

A faixa atlántica do territorio rexistrou a maior cantidade de incidencias, desde a media tarde da terza feira e ata ben entrada a noite, cun incremento dos avisos na circulación debido á presenza de árbores, cables ou postes nas vías, así como bolsas de auga e inundacións puntuais nas estradas, en garaxes e vivendas. En total, suman 144 incidencias na Galiza debido ao efecto da chuvia e o vento.

Árbores caídas e danos no tendido eléctrico, ademais de inundacións, centroron os avisos por mor da borrasca 'Claudia'. (Foto: Protección Civil Porto do Son)

Especialmente, nas últimas horas do martes notouse unha subida nas intervencións dos equipos de emerxencias en concellos do Salnés, como Vilagarcía e Vilanova de Arousa, que afrontaron situacións relacionadas inundacións. Mais tamén o concello de Vigo anotou un número elevado de intervencións polas mesmas causas. Máis ao norte, contabilizáronse 53 incidencias, principalmente en municipios de litoral como Carballo (Bergantiños), Muxía (Muxía), Outes (Noia) ou Ribeira (Banbanza).

Valores máximos

Ademais, unha nova xornada de influencia da borrasca 'Claudia' deixou máximas de ventos de 132 quilómetros por hora en Cervantes (Os Ancares) e chuvias acumuladas de 79 litros por metro cadrado en Santa Comba (Xallas).

Meteogalicia indica que a fronte asociada á borrasca moverase "moi lentamente cara ao leste" durante esta cuarta feira. O vento sopra forte durante a mañá e baixará lentamente pola tarde. Desta forma, gran parte de Galiza permanece esta cuarta feira en alerta amarela por vento e chuvia. Meteogalicia tamén activou un aviso laranxa no litoral noroeste por acumulacións de 80 litros por metro cadrado en 12 horas.