Os bombeiros de Vigo non acudiron ao incendio do restaurante de Moaña por "falta de efectivos"

O restaurante que ardeu en Moaña (Foto: Radio Galega).

Dos 20 efectivos que se exixen só estaban operativos 15 cando recibiron o aviso

A CIG denunciou esta sexta feira, 6 de outubro, que os bombeiros de Vigo non participaron na extinción do incendio rexistrado na noite da quinta á sexta nun restaurante da localidade de Moaña (O Morrazo) por "falta de efectivos".

Nun comunicado, o sindicato asegurou que este incendio evidenciou unha vez máis a problemática que os bombeiros do Concello de Vigo levan anos denunciando, xa que a falta de persoal "impediu que os efectivos do parque de Teis puideran desprazarse até O Morrazo".

A representación da CIG no corpo de bombeiros vigueses explicou que o feche do parque comarcal do Morrazo, por un conflito laboral, obrigou os servizos de emerxencia a dar aviso aos efectivos doutras localidades.

"Puxéronse en contacto connosco, pero por orde da xefatura non podemos saír fóra deste termo municipal porque estamos por baixo dos mínimos. De feito, dos 20 bombeiros que se exixen só estaban operativos 15 cando recibimos o aviso", indicou. Por iso, a este incendio tiveron que desprazarse os bombeiros do Porriño (comarca de Vigo), "cando tardan máis de media hora en chegar, mentres que os de Vigo estarían alí en menos de 15 minutos".

"Esta situación provocou que o mes pasado, por primeira vez na historia do servizo, tiveran que vir doutras localidades para colaborar con nós no lume que afectou a empresa Toysal, cando tradicionalmente eran os bombeiros de Vigo os que se desprazaban a outros concellos para participar nos labores de extinción", indicaron desde a CIG.

Esta falta de efectivos, segundo lamentan desde a central sindical, tradúcese nun aumento "considerábel" dos tempos de resposta ás urxencias, "o que pon en serio risco a integridade das persoas". Por iso, pediron ao Concello de Vigo que "tome en serio" esta problemática e que exerza a súa responsabilidade "para evitar que antes ou despois poida ocorrer algunha desgraza".