Bombeiros de Vigo fan soar a alarma pola falta de persoal e denuncian a falta de diálogo de Abel Caballero

Sarxentos de bombeiros de Vigo. (Foto: Europa Press)
O corpo de bombeiros denuncia o "total desinterese" de Abel Caballero e do Concello de Vigo, poñendo en risco a prestación dun servizo público chave na cidade.

Vivimos “nunha situación insostíbel”, na que “levamos tres meses con 15 bombeiros, é dicir, baixo mínimos”, denunciaron esta quinta feira cinco sarxentos de bombeiros de Vigo nunha rolda de prensa, explicando que a gravidade da situación levou a fechar a pasada fin de semana o parque de bombeiros de Coruxo, que se encarga do sur da área urbana.

Os sarxentos suman así o seu rostro ás denuncias xa realizadas por sindicatos como a CIG contra o Goberno municipal de Vigo que dirixe Abel Caballero.

Tendo en conta que o mínimo requirido son 20 bombeiros dispoñíbeis, os traballadores criticaron que este verán foron sometidos a quendas de 24 horas, tendo que negarse a cubrir algúns servizos para dar abasto a varios actos multitudinarios, como os partidos do Celta de Vigo ou os concertos que se organizan na cidade.

Asemade, cuestionan que as xubilacións non foron cubertas e que o estrés físico do sobre traballo está a provocar varias baixas e inflúe na calidade do servizo, “non queremos que ocorra outro Marisquiño”, sinalaron, en referencia ao accidente en 2018 nese festival.

O sarxento José Villar lamentou onte que o Goberno de Abel Caballero rompese as canles de negociación e que o alcalde "demostre nula vontade de diálogo e un desprezo por este colectivo, ao que ningunea e infantiliza".

Ademais, "éncheselle a boca" sobre o pronto pago a provedores, e hai bombeiros reclamando cobrar labores que fixeron a maiores das súas, por falta de mandos, desde hai tres anos".

Ningún día con 20 bombeiros dispoñíbeis

O BNG en Vigo asegurou onte que desde xuño non houbo ningún día no que houbera 20 bombeiros dispoñíbeis. O edil da formación, Xabier Pérez Igrexas, exixiu os datos de cantos efectivos do corpo de bombeiros estiveron activos cada xornada deste ano, asemade, reclamou ao alcalde que “dea a cara e diga á cidadanía cantos días estiveron en perigo por causa da súa neglixencia e nefasta xestión”.

Resposta do Concello de Vigo

Pola súa parte, o Goberno municipal respondeu onte ás denuncias dos mandos operativos do servizo de Bombeiros da cidade olívica, afirmado que "en ningún momento se puxo en risco" a estes funcionarios públicos e sostén que a incorporación de novos efectivos "é constante".