Bombeiros forestais reivindican o seu traballo e denuncian a "descoordinación" e a falta de medios
As bombeiras e os bombeiros do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta da Galiza comportáronse na vaga de lumes de agosto "como heroes e heroínas", aseguran varios profesionais a este xornal. Sentiron o recoñecemento e o agradecemento da xente pero tamén o pasaron mal: “Nós non temos medo a ir apagar un incendio, pero hai situacións nas que colles medo... Ao lume hai que terlle respecto”, sinala Xandre Quintas, bombeiro no distrito forestal Valdeorras-Trives. Coincide co seu compañeiro Mónica Ramos, do distrito de Vigo: “Todas pasamos medo en casos nos que nos vemos atrapadas e temos que escapar do lume”.
No que xa é o maior incendio da historia da Galiza desde que hai rexistros, o que se orixinou en Seadur, en Larouco (Valdeorras), que calcinou máis de 31.000 hectáreas ao seu paso, Xandre Quintas lembra o acontecido o 15 de agosto, cando mobilizaron a súa unidade, dous días despois de declararse este incendio: “Empezamos a xornada ás 16 horas para preparar todo material e ir con tempo, saímos de Petín cara á aldea de Mones (no mesmo municipio, veciño do de Larouco). Cando chegamos xa vimos un tipo de lume que non viramos nunca. Tentamos chegar e tivemos que coller unha ruta alternativa. Ao noso paso explotou unha casa e no centro da aldea estaban ardendo moitas. Puxémonos a apagalas e nunha delas vin ao carón un depósito de gas”.
Situacións coma esta, explica Quintas, afectan tamén "psicoloxicamente". "Pasámolo mal. A xente está nerviosa, choran, non queren saír de alí. E nós non sabiamos se había bombonas ou produtos inflamábeis onde ardía”, destaca, e engade: "Son moitos días, moitas horas de traballo, estrés, xente chorando... E tamén houbo moita descoordinación e falta de mandos sobre o terreo".
“Na miña brigada estamos dous, e tiñamos que ser cinco”, relata a Nós Diario outro bombeiro forestal que prefire permanecer no anonimato. "Temos instrucións internas de que a comunicación cos medios só se fai de forma oficial”, explica. Nalgúns dos peores momentos da vaga de lumes, constata, “houbo motobombas paradas” pola falta de medios, algo que o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acabou por recoñecer. A nivel persoal, lembra unha vez que o pasou especialmente mal, durante os incendios do Courel de 2022: “Foi erro meu por non ter en conta a deshidratación”. Naquel operativo varios compañeiros comezaron a ter síntomas de golpe de calor e tiveron que abandonar parte do material e buscar “un lugar seguro”.
O protocolo de seguridade OACEL (observación, atención comunicación, escape e lugar seguro) non sempre é posíbel sobre o terreo. Pero estes bombeiros cargan arredor de 10 quilos, soportan temperaturas extremas e fan un importante esforzo físico. Nesta vaga de lumes tiveron que ser hospitalizados dous brigadistas e un bombeiro, que seguen ingresados na Unidade de Queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), dous deles estábeis e o terceiro con prognóstico moi grave.
As mulleres representan só 5% do dispositivo
Mónica Ramos é bombeira forestal desde o ano 2007, unha das poucas que hai no SPIF. “As mulleres só representamos 5% do dispositivo de campo”, lamenta. Na súa base en Peinador (Vigo) hai sete brigadas formadas por catro persoas cada unha, “e somos só dúas mulleres". “Cando eu empecei había máis mulleres no dispositivo. De feito, en Fornelos de Montes (comarca de Vigo) había unha brigada na que eran todo mulleres”, di, e relata a Nós Diario que este ano estivo nun dos grandes lumes declarados na Mezquita (comarca de Viana) e maioritariamente nos da súa zona, coma os de Oia (Baixo Miño) ou Vilaboa (comarca de Pontevedra). “Todas e todos pasamos medo. Verte atrapada e ter que escapar do lume...", apunta.
Explica que no dispositivo participa persoal “con moi distintas condicións laborais, pero ao final todos imos ao lume; moitos van sen experiencia”. Coa formación que reciben sobre os chamados lumes interface –que atacan terreo forestal e urbano– ensínanos a defender as casas, atacar ao lume cos seus equipos de protección individual (EPI) para axudar a veciñanza, facer liñas de defensa en aldeas e atopar liñas seguras. “Cada vez son incendios máis agresivos. Cada lume é diferente, hai que adaptarse e ir improvisando, por iso fai falta moita experiencia”, indica, e destaca que “este ano houbo máis compañeiros con golpes de calor que outros". "Os técnicos falan de incendios de sexta xeración, hai anos que o veñen dicindo. Xa en 2017 case desaparece a provincia de Pontevedra baixo as lapas, a sorte foi que comezou a chover”, engade.
O dispositivo, segundo Ramos, “tenta sempre saír en canto vemos calquera fume”, pero estes lumes de sexta xeración “poden crear as súas propias condicións climatolóxicas”.
Contratos temporais: O colectivo estuda saír á rúa para exixir melloras
A boa parte do dispositivo dos bombeiros forestais do SPIF, o chamado “persoal laboral” –máis de 1.000 profesionais– remátalles o contrato coa Xunta da Galiza o vindeiro 15 de novembro, baixo a promesa electoral do presidente, Alfonso Rueda, e da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, de ampliar a vixencia o ano vindeiro aos 9 meses. Moitos deles aseguran a Nós Diario que logo da vaga de lumes deste ano valoran mobilizarse para “reclamar o noso”. Lembran que “aínda temos compañeiros no hospital e políticos que nos acusan de plantar lume”, en referencia a un comentario en redes da responsábel do PP de Valdeorras. Os bombeiros forestais consultados por este medio teñen clara unha cousa: “Agora somos heroes, pero cando pase un mes ninguén se acordará xa do que pasou”.
Demandan estabilidade laboral porque “o noso traballo demostrouse que fai falta todo o ano para ter o monte ben”, en funcións como limpar pistas, facer cortalumes e perímetros de seguridade arredor das aldeas. “Fai falta moito traballo”, din, e reivindican que a vaga de lumes de agosto deixou en evidencia que “fan falta máis medios no dispositivo”, porque “cando pasa algo e faltan os medios chegamos sen eles a atender os incendios".