Bombeiros alertan de baixas sen cubrir e a Xunta mantén motobombas paradas por falta de persoal

Alexandre, bombeiro con 11 anos de experiencia, combatendo o lume que se orixinou en Larouco. (Foto: Cedida)
Cada vez máis bombeiros erguen a voz para denunciar a "precariedade" que, afirman, caracteriza o servizo.

As condicións nas que as brigadas de bombeiros forestais da Galiza están a afrontar a que xa é a peor vaga de incendios da historia do país son “precarias”, aseguran profesionais a este xornal. Desde Valdeorras, unha das comarcas máis castigadas pola vaga de lumes, Alexandre -bombeiro forestal con 11 anos de experiencia e cun contrato de 8 meses- relata que leva xa “tres semanas con lumes todos os días”, entre eles os de Vilardevós (comarca de Verín), As Neves (O Condado) ou Maceda (comarca de Allariz-Maceda), nos que participou no dispositivo, cando na súa brigada, a día de hoxe, afirma, “seguen sen cubrirse as baixas; tiñamos que ser catro e estamos dous”.

O servizo de prevención e de extinción comezou a tempada de alto risco con case 200 prazas sen cubrir -mentres a Xunta demandaba máis recursos ao Estado-, e Alexandre denuncia que hoxe “non se están a cubrir as baixas; intentaron cubrir algunha, fixeron un primeiro chamamento e nada máis, tarde e mal”. “Fai falta máis investimento en persoal e formación, levamos anos cos soldos conxelados (1.350 euros netos)”, engade. Membros de brigadas por todo o país denuncian que nas súas bases hai motobombas avariadas ou ben “paradas por falta de condutores”. Alexandre relata un destes casos, no incendio de Larouco (Valdeorras): “O lume empezou o 13 de agosto, pero foi o día 15 cando saíu de control. Nós entramos ás 16 horas, e tivo que vir un compañeiro condutor de motobomba que tiña o día libre a coller unha máquina parada á base”.

O axente forestal Xosé Santos forma parte do distrito Miño-A Arnoia. Denuncia “vacantes e baixas de bombeiros forestais, condutores de motobombas e vixiantes de incendios sen cubrir”. Sinala a este medio que “chegaron a incendios de Ourense brigadas da Coruña con só dous compoñentes, cando como mínimo deben ser cinco”. Coñecedor por experiencia propia do dispositivo, lembra que o persoal leva tempo denunciando que hai “distritos enteiros" sen un só vixiante as 24 horas do día nos postos máis estratéxicos, e motobombas paradas "por falla de condutores”.

Falta de medios

Segundo os datos da propia Xunta, dispón de 380 motobombas, pero o 15 de agosto Rueda pedía ao Goberno español outras 30. E desde 2023 conta cos ‘batracios’, un total de 14, nos que investiu 5 millóns de euros e que cualificou como “pioneiros” na loita contra os lumes. Nós Diario preguntou pola participación destes equipos na vaga de lumes, e desde Medio Rural aseguran que se mobilizaron, pero non hai rastro deles nos balances oficiais porque, alegan, “a todos os efectos se contabilizan como motobombas”.

Trátase de tractores cisterna de 12.000 litros, “demasiado grandes, e en moitos sitios xa custa que entren as motobombas, así que estes é imposíbel”, asegura Alexandre, que relata o acontecido cun destes batracios nun lume a comezos de xullo en Casaio (Carballeda de Valdeorras): “Como son tan grandes non se poden transportar en góndolas, teñen que ir por estrada, e este tardou en chegar a Casaio desde O Barco dúas horas”.

Outro bombeiro, encargado dunha das motobombas e que prefire non dar o seu nome, coincide na diagnose: "Falta formación para os profesionais, e medios. Hai quendas con motobombas baleiras".