Restos de chapapote cobren os areais de Baroña a Corrubedo

Bolas de chapapote na praia de Queirugas. (Foto: Nós Diario)

A situación está a ser analizada por axentes de Patrimonio Natural, mais aínda non foron habilitados os efectivos de recollida.

Na xornada desta segunda feira a praia de Queiruga, en Porto do Son (comarca de Noia), amenceu cuberta de pequenas bólas negras viscosas de chapapote de medio centímetro de dimensión, que todo parece indicar que provirían dos hidrocarburos dalgún buque, segundo os primeiros indicios.

Nós Diario puido confirmar que o chapapote xa afecta unha área que abrangue desde a praia de Baroña até o parque natural de Corrubedo, cun gran regueiro na praia de Queiruga.

Fontes presentes no lugar informaron a este xornal de que desde a semana pasada apareceron diversas especies de aves mortas con manchas de hidrocarburos nos areais de Noia e de Muros. Concretamente, foi unha voluntaria que buscaba novas especies falecidas a que alertou esta segunda feira das bólas de chapapote.

A situación xa foi posta en coñecemento das autoridades competentes. Na xornada desta segunda feira, axentes de Patrimonio Natural estiveron analizando a situación; porén, polo de agora non se habilitaron efectivos de recollida do chapapote.