O BNG urxe investigar se a multinacional que xestiona Povisa "manipula" as listas de agarda
O BNG demandou esta quinta feira unha “investigación a fondo” no hospital Povisa de Vigo para verificar se a propietaria, Ribera Salud, manipulou as listas de agarda.
A organización nacionalista demandou unha “resposta enérxica” da Xunta da Galiza diante do “escándalo” revelado no hospital madrileño de Torrejón, xestionado pola mesma multinacional, e que provocou a dimisión do máximo responsábel empresarial (CEO) por uns audios que apuntaban a posíbeis manipulacións das listas.
Así o reclamaron onte a deputada e portavoz parlamentar de Sanidade do BNG, Montse Prado, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, diante das informacións que apuntan que Ribera Salud impuxo recortes asistencias no centro sanitario madrileño para alargar as listas de espera e incrementar desta maneira os beneficios.
“As 113 mil persoas da área sanitaria adscritas a Povisa merecen garantías de que estas prácticas indecentes non se replicaron tamén no hospital vigués”, afirmaron. Ribera Salud, pola súa parte, afirma que o audio do CEO está "fóra de contexto" e que os pacientes son prioridade en todos os seus centros.
O Servizo Galego de Saúde e Povisa veñen de asinaron en abril un novo contrato de servizos, por importe de 195 millóns de euros e un período de vixencia de dous anos, para a prestación da asistencia sanitaria especializada na área de Vigo. Segundo informou o Servizo Galego de Saúde, o acordo formalizouse "electronicamente" e prodúcese despois de tres prórrogas vencidas e outras tantas moratorias para dar cumprimento a toda a documentación presentada polo hospital privado.
O contrato, cuxa entrada en vigor estaba prevista inicialmente para o 1 de abril e estivo activo desde 12 de abril, e estenderase té o mesmo día de 2027. Dous anos de servizo polos que a Xunta da Galiza pagará a Povisa 195 millóns de euros, a razón de 97,5 millóns anuais, o que supón un incremento de 16%.