O BNG presenta no Congreso unha iniciativa para liberar o medicamento contra a hepatite C

Congreso español

As deputadas nacionalistas rexistran unha proposición non de Lei en Madrid para que o Goberno emita unha licenza que permita a outros laboratorios fabricar o remedio que agora nega a doentes polo seu alto prezo.

 

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha proposición non de Lei no Congreso dos Deputados de Madrid pola que insta ao Goberno a iniciar os trámites para emitir licenzas obrigatorias dun dos novos medicamentos contra a Hepatite C, o sofosbuvir, e permitir que outros laboratorios poidan comercializalo máis barato.

Na iniciativa, as dúas deputadas nacionalistas argumentan que o artigo 90 da actual Lei de Patentes permite ao Executivo aprobar un Real Decreto para someter unha patente xa outorgada á concesión de licenzas obrigatorias. Unha posibilidade que, segundo afirma o BNG, aplícase cando hai motivos de interese público. 

O proceso levaría ao Goberno a autorizar a un laboratorio para fabricar sofosbuvir, que actualmente Gilead comercializa como 'Sovaldi', ao prezo que fixe o propio Goberno e pagaría á multinacional unha porcentaxe dese prezo en concepto de licenza. Este mecanismo, segundo o BNG, xa foi adoptado por outros países para evitar a alta mortalidade d@s doentes de Hepatite C, que non reciben do Estado apoio para mercar a cara medicina.