O BNG pide á Xunta "medidas concretas" para o Servizo de Axuda no Fogar

Olalla Rodil esta cuarta feira, 6 de agosto. (Foto: Arxina)
A formación nacionalista vén de rexistrar unha iniciativa articulada en cinco puntos centrado na mellora da situación do SAF.

A viceportavoz parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Olalla Rodil, protagonizou onte unha intervención pública que pivotou arredor do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e do asasinato no Porriño a pasada semana dunha das súas traballadoras, Teresa de Jesús González. 

Rodil cualificou a súa morte como "un feito gravísimo, tamén excepcional, pero que puxo de manifesto da maneira máis dura e máis cruel posíbel a realidade que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar da Galiza veñen denunciando desde hai anos".

"O asasinato de Teresa foi un golpe durísimo para todo o sector dos coidados e para o conxunto da sociedade galega, foi unha labazada que debe facernos reaccionar e que fai inaprazábel o impulso de condicións normativas que garantan un traballo con seguridade e digno", engadiu.

Nesta liña, e en nome do BNG, defendeu o carácter "imprescindíbel e inaprazábel" de "cambios normativos" impulsados polas Administracións Públicas -comezando pola Xunta da Galiza- para "garantir" a seguridade laboral no SAF.

Estas "medidas concretas" están plasmadas nunha iniciativa que o BNG xa rexistrou no Parlamento e que inclúe cinco puntos "perfectamente realizábeis para protexer as traballadoras," e que suporían "un marco común e homoxéneo" para nutrir dos "recursos necesarios" o Servizo de Axuda no Fogar.

A primeira é "incluír a representación das traballadoras na mesa de traballo conxunta Xunta-Fegamp". En segundo lugar, Olalla Rodil defendeu "incrementar o financiamento do SAF", elevándoo a 17 euros a hora até chegar aos 20 en 2027.  Logo, revelou que piden "introducir modificacións normativas e legais para que no método de cálculo no prezo por hora que paga a Xunta se permita a cobertura dos custes do persoal administrativo e de traballo social", modificar as ratios de persoal e, por último, "facer valer a posición que ten a Xunta como autoridade laboral e como responsábel en materia de dereitos sociais para sentar a patronal nunha mesa negociadora".

"Non se poden dar palmadiñas nas costas ás traballadoras e logo non mover nin un dedo cando as están explotando laboralmente, e iso é o que fai o Goberno da Xunta e de Rueda", concluíu Olalla Rodil.