BNG pide a dimisión do conselleiro de Medio Ambiente e convoca mobilizacións por outra política forestal

A fronte nacionalista considera que a política forestal do PP “é unha auténtica ruína para os nosos montes e pon en risco a seguranza da cidadanía”. Sete cidades galegas acollen concentracións esta tarde.

O BNG pide a “dimisión inmediata” do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Considera que a “destrución do Monte Pindo”, así como os incendios que asolan nestas horas Negreira, Porto do Son e a Fonsagrada; son exemplos do fracasod a Xunta.

“Tras anos demandando a catalogación do Monte Pindo como Parque Natural, o goberno galego negouse a asumir as demandas cidadás e agora podemos ver as consecuencias da falta de investimento e de protección dun espazo único que nin a Xunta nin a Administración central están a protexer”, indican desde a Fronte nacionalista.

Burla da Xunta

O BNG, aliás, entende que só pode cualificarse de burla que tras un verán no que houbo centos de incendios, desde a Xunta se afirme que "o dispositivo funcionaba perfectamente".

“A política curtopracista do PP é unha auténtica ruína para os nosos montes e pon en risco a seguranza da cidadanía. A loita contra o lume comeza no inverno e require unha planificación constante de ordenación dos espazos forestais e de desenvolvemento dunha política de prevención agora inexistente. Cómpre, especialmente, controlar as terras agrarias e aplicar unha política de reactivación da actividade socioeconómica neste ámbito”.

Lugar e hora das concentracións:

Santiago de Compostela, 20:00h., Praza do Toural

Vigo, 20:00h., diante do Museo Marco

Ferrol, 20:00h., Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta

A Coruña, 20:00h, no Obelisco

Verín, 20:00h., diante do Concello

Lugo, 19:30h., diante do Edificio Administrativo da Xunta

Ourense, 19:30h., Diante da Subdelegación do Goberno