Defensa da factoría das Pontes

O BNG esixe solucións para a central térmica

José Luís Pico e Ana Pontón ao remate da súa xuntanza. (Foto: Nós Diario)
A portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, mantivo esta sexta feira unha encontro co presidente do comité de empresa de Endesa As Pontes, José Luís Pico, que alertou da falta de resposta dos gobernos galego e español ás súas demandas.

Ana Pontón, BNG, e José Luís Pico, comite de empresa Endesa-As Pontes, reuníronse no Parlamento para tratar a falla de resposta dos gobernos galego e español á problemática da central térmica.

Nesa liña, Pontón avanzou que a súa formación lanzará unha "ofensiva institucional" para demandar solucións de futuro para o sector afectado polo fechamento da planta térmica das Pontes, tendo en conta que considera que tanto a Xunta como o Goberno español se desentenderon do asunto unha vez pasadas as eleccións galegas.

Na comparecencia diante dos medios, José Luís Pico sinalou que esixían "aos gobernos que miren pola xente da comarca" para que non teña que "emigrar”.

Ademais advertiu do "panorama moi escuro" para a zona de influencia da central ante a "falta de interese" da compañía por manter a actividade a través de fontes de enerxía alternativas despois dunhas probas que foron "opacas". 

Para a líder nacionalista, as "promesas" de levar a cabo unha transición enerxética "xusta" quedaron relegadas "na práctica" a "unha reconversión pura e dura", "unha máis" para a comarca de Ferrolterra á que, segundo Ana Pontón, as administracións galega e española "están a deixar caer".

Por iso, o BNG solicitará a comparecencia do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, para que "explique que está a facer" a Xunta para dar cunha "alternativa industrial" que permita manter o emprego.

O BNG puxo sobre a mesa unha serie de medidas que, segundo consideran, permitirían darlles un futuro aos empregos que até o de agora dependían da central de Endesa, para a que propón "salvar" unha parte daqueles grupos de produción con biocombustíbeis.