BNG, ERC e EH Bildu buscan impulsar a incorporación do Escudo Social á Lei de Dependencia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
BNG, ERC e EH Bildu veñen de rexistrar no Congreso dos Deputados unha batería de emendas para blindar por lei o chamado “escudo social”, co obxectivo de prohibir desafiuzamentos e cortes de subministracións básicas ás persoas vulnerábeis e converter estas medidas en estruturais tras o fracaso da súa validación por decreto.

BNG, ERC e EH Bildu veñen de rexistras unha serie de emendas conxuntas para incluír a prohibición de desafiuzamentos e interrupción de subministracións a persoas vulnerábeis, con discapacidade ou en situación de dependencia. O obxectivo das organizacións é blindar o Escudo Social por lei e convertelo en medida estrutural, despois de que non se validase o Real Decreto-lei no pleno do Congreso.

As tres formacións consideran que estas medidas son “fundamentais para milleiros de familias” e, por iso, propoñen incluír na lei a prohibición de desafiuzamentos e de interrupcións de subministracións básicas cando afecten a persoas vulnerábeis, con discapacidade ou en situación de dependencia. As emendas conxuntas son rexistradas no marco de debate ao Proxecto de Lei pola que se modifican o texto refundido da Lei  Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e a Lei 39/2006, do 14 de decembro.

Con isto, BNG, ERC e EH Bildu queren converter en medida estrutural as recollidas no Escudo Social, co obxectivo de garantir a continuidade de subministración e acceso efectivo a apoios e información; e impedir o desafiuzamento ou lanzamento cando na vivenda residan menores de idade, persoas en situación de dependencia ou persoas vulnerábeis.

Así mesmo, as tres formacións políticas defenden a necesidade de incrementar, nos proxectos de vivendas protexidas, a reserva de vivendas para persoas con discapacidade adecuando as características construtivas e de deseño universal para garantir o acceso e o desenvolvemento cómodo. Por último, BNG, ERC e EH Bildu demandan a través dunha emenda que se respecten as competencias propias das Comunidades Autónomas.