O BNG critica o proxecto de Lei de Saúde da Xunta por "unilateral" e "autoritaria"

EuropaPress_3573819_np_rolda_prensa_noa_presas_220121
As deputadas Noa Presas e Iago Tabares denuncian que "non buscou o consenso profesional, social ou político, e só trae medidas punitivas e sancións que xa prevé a legalidade vixente".

O BNG criticou a Lei de saúde que a Xunta levará á Cámara no próximo pleno por tratarse dun proxecto "unilateral e autoritario" no que "non buscou o consenso profesional, social ou político, e só trae medidas punitivas e sancións que xa prevé a legalidade vixente".

Así se pronunciaron as deputadas nacionalistas na Cámara Noa Presas e Iago Tabarés sobre un proxecto lexislativo que, previsiblemente, sairá adiante cos votos do grupo que sustenta ao Goberno galego, o PPdeG.

Para os parlamentarios da formación, trátase dunha "chapuza xurídica" tramitada "con  absoluto escurantismo" por parte do PP "para que a sociedade non se decate". En resumo, o BNG cre que é un cambio "a peor" da lexislación sanitaria en Galicia.

"É unha lei que non pretende mellorar a saúde das galegas nin o sistema sanitario público da Galiza, senón vixiar e punir á  poboación cando demostramos ser un pobo solidario e a lexislación xa prevé sancións para os incumprimentos", incidiu o BNG.

Por tanto, o BNG considera que o necesario é que a Xunta dote de recursos e medios á sanidade galega como vía para facer fronte á pandemia a través do reforzo dos servizos de atención primaria e o deseño dun modelo de rastrexo de casos "público, eficiente e eficaz".

Ademais, lembran que o seu grupo leva ao pleno que acollerá o Pazo do Hórreo a segunda e a terza feira un "plan de choque" contra o cancro ante "o grave impacto" que está a provocar a pandemia na detección e tratamento destas doenzas.