Xustiza

Decretan medidas de protección para as sobriñas dun cura do Carballiño que o denunciaron por violación

Sede do Bispado de Ourense. (Foto: Google)
O Bispado de Ourense decidiu apartalo dos seus labores mentres se investigan os feitos.

O Bispado de Ourense decidiu apartar preventivamente o sacerdote do Carballiño das parroquias que tiña encomendadas —no Irixo e Boborás— e doutras tarefas tras coñecer que está investigado xudicialmente por presuntas agresións sexuais a dúas sobriñas, cometidas cando ambas as dúas eran menores de idade. Denunciárono elas mesmas a pasada semana.

A Diocese de Ourense emitiu un breve comunicado no que indica que, logo de recibir a noticia de que un presbítero con cargo pastoral "está incurso nunhas dilixencias xudiciais por agresión sexual", avogaron por apartalo mentres decorre a investigación.

O xuíz prohíbelle achegarse ás dúas mozas, hoxe maiores de idade

Ampáranse nos protocolos vixentes da Santa Sé e da Confederación Episcopal Española para tomar tal decisión e manifestan a súa "total dispoñibilidade a colaborar" coa xustiza, se ben sinalan que, "por respecto ás actuacións xudiciais en curso, á intimidade das vítimas e á persuasión de inocencia do investigado", non realizará ningunha manifestación adicional até que remate o procedemento.

É o Xulgado de Instrución Número1 de Ourense o que investiga o párroco. O home acudiu a declarar aos xulgados ourensáns este sábado, acompañado por un avogado, onde fora citado como investigado pola presunta comisión destes delitos.

Tras a dilixencia, o xuíz imputoulle a prohibición de achegarse ás dúas sobriñas ou de comunicarse con elas, así como de abandonar o Estado español, polo que se lle retirou o pasaporte e debe realizar comparecencias quincenais no xulgado.

Unha das fillas do seu irmán xa o denunciara en 2019, unha década despois do sucedido, e a xustiza decretara medidas idénticas de protección á espera de xuízo. Dado que entón o delito que lle impuña era o de abusos e este prescribe pasados dez anos desde que a vítima fai a maioría de idade, o caso arquivouse. Porén, os delitos de agresión sexual fican vixentes até 15 anos.