Benvido... mister AVE: a parodia sobre as dificultades da mobilidade galega

Fotograma da montaxe creada polos colectivos que denuncian a emerxencia cultural en Ourense. (Foto: SOS Ourense)
SOS Ourense parodia a chegada do AVE a Ourense a modo de crítica social sobre a mobilidade dentro do país. O colectivo, que agrupa ducias de entidades de todo tipo, lamenta que a conectividade interior no país continúe con dificultades e reflexiona sobre a saída da veciñanza procurar traballo a Madrid.

Malia a viaxe de proba de hai algúns días, non foi até esta segunda feira cando se celebrou con todos os fastos a chegada do AVE a Ourense. Os actos institucionais deron para a presencia de moitas caras coñecidas da política pero tamén para reivindicacións e queixas pola disparidade de criterios á hora de garantir a mobilidade. Este último é o caso que denuncia SOS Ourense.

Após varias décadas de obras, seis ministros, catro presidentes do Goberno do Estado español e diversos aprazamentos, o AVE conecta esta semana Galiza e Madrid. Pero o colectivo que denuncia a emerxencia cultural en Ourense aproveitou a inauguración da liña para protestar con ironía.

Nun vídeo compartido no seu perfil da plataforma Youtube intercalan imaxes da película Bienvenido, mister Marshall con marchas críticas da plataforma nas que invitan ao divertimento ademais de facer unha crítica social.

A produción audiovisual comeza coa mensaxe "Ano 2021. XXXIV ano da era Baltar" e engade: "Ourense celebra con orgullo e satisfacción a puntual chegada do AVE a Galicia, un motivo máis para que a provincia continúe a ser a envexa do mundo".

Ao longo da creación pódese disfrutar cunha particular versión do tema máis coñecido do filme Bienvenido, mister Marshall, desta vez falando de que as e os madrileños van vir tomar os baños á cidade ao tempo que a veciñanza marcha á capital do Estado español buscar un posto de traballo.

Pero a "marabilla, a ourensanía" non parece moi conforme con non poder viaxar dentro da Galiza en prazos máis razoábeis.

Por exemplo, critica que se vaia chegar a Madrid con facilidade pero haxa que seguir agardando con "paciencia" as mellores conexións para chegar a Valdeorras, Lugo, O Carballiño ou Vigo. Ademais, SOS Ourense puntualiza que desprazarse até A Coruña custa "un ollo da cara".

Todo isto con carteis de fondo con mensaxes para a monarquía, a Xunta e a política local.