Análise

Banalizar o militarismo desde as escolas

Estudantado de Primaria ás portas do colexio. (Foto: Álex Zea / Europa Press)
María Obelleiro, directora editorial de Sermos Galiza S.A.

Os decretos que estabelecen os currículos das etapas escolares na Galiza recollen no artigo dedicado aos "elementos transversais" a obrigatoriedade de promover "a prevención e resolución pacífica de conflitos, así como dos valores que sustentan a liberdade, a xustiza, a igualdade, o pluralismo político, a paz, a democracia, o respecto polos dereitos humanos e o rexeitamento de calquera tipo de violencia, a pluralidade e o respecto polo Estado de dereito".

Por outra parte, na orde que marca o calendario escolar, a Consellaría de Educación inclúe entre as conmemoracións orientativas que poden traballarse nos centros o 30 de xaneiro de 2026, "Día da non Violencia e da Paz".

Con estes vimbios normativos e nun contexto marcado polo xenocidio perpetrado por Israel en Gaza, resulta preocupante –aínda que non sorprende– que un suplemento educativo dedique o primeiro número deste curso a promover o militarismo no estudantado ao que vai dirixido –a partir de 5º de Educación Primaria–.

As proclamas

Asistimos a unha carreira na que a inmensa maioría dos medios de comunicación se afanan en transmitir unha idea de inseguridade na sociedade coa que xustificaren o incremento dos gastos en armamento e o reforzamento do militarismo, e a audiencia conformada pola comunidade educativa non fica excluída dunha propaganda tan reaccionaria como perigosa.

"Europa mira para o ceo" é o título da peza –máis opinativa que informativa– asinada por unha xornalista no suplemento dirixido ao alumnado que resume que a "incursión de avións non tripulados no espazo aéreo dalgúns países como Polonia ou Dinamarca activan todas as alarmas". Noutro título destacado refírese ao "dron ruso Shahed e as súas incursións en Europa", a pesar de que no corpo do texto recoñece que a orixe dos drones "aínda se está investigando" e que o Goberno ruso "negou a súa implicación".

"Táctica de guerra híbrida", "unha forma de presionar a Unión Europea", "non debemos esquecer que Rusia está en guerra con Ucraína"... son algunhas das frases que poden lerse nesta peza destinada ao público escolar, onde La Voz de la Escuela se atreve a aseverar que "A Unión Europea debe dar unha resposta conxunta en materia de defensa".

Imaxinades que difundimos que a violencia é lexítima para resolver os problemas nos centros de ensino?

Ademais de valorizar o papel das Forzas Armadas españolas e da OTAN, o tema de apertura deste suplemento escolar imparte unha lección de historia nesgada e ateigada de tópicos que reduce a caída do muro de Berlín a que "o capitalismo gañou ao comunismo". "Os rusos estaban doentes, xa podedes imaxinar", continúa o texto, que recolle que "Putin, como todos os ditadores, pensa que as democracias son débiles". A conclusión: "Xa imaxinades que é isto dos drones: un tenteo de Rusia para saber cal é a determinación da OTAN e da UE para defenderse".

A peza defende que "a guerra non é unha solución porque cando remata a cantidade de dano feito claramente non compensa a vitoria. Pero, estariades dispostos a vivir nunha ditadura, sen poder expresar as vosas opinións, con risco de cárcere por dicir ou vivir como queredes, traballando sen posibilidade de estar tranquilos na casa? Viviriades baixo unha potencia estranxeira?".

Resolución pacífica de conflitos?

Toda a normativa relativa á convivencia positiva nos centros de ensino salienta a importancia de promover a resolución de conflitos a través do entendemento e do diálogo e non a través de agresións físicas ou verbais e amezas. Apélase á mediación, á empatía, ao respecto mutuo, á cooperación, á conciliación, á negociación, á asertividade, aos acordos, a técnicas como a titoría entre iguais, á regulación emocional... pero imaxinades que empezamos a difundir que a violencia é unha maneira lexítima de resolver os problemas en colexios e institutos? Imaxinades que contribuímos a crear un ambiente de medo e desconfianza que leva a un todo vale que lle abre paso ao uso da forza? Pois iso é o que implica promover o militarismo, banalizar a guerra e brincar coas dinámicas de poder en lugar de apostar polo pacifismo, mais non só como unha opción ética, senón pola necesidade imperiosa de avanzarmos nun camiño socialmente máis xusto.

Educar na paz, e non educar en atizar para a guerra, supón formar persoas capaces de resolveren problemas mediante o diálogo, mais non só. Implica tamén promover valores como a cooperación e a solidariedade para construír unha sociedade respectuosa e tolerante, lonxe desa vaga de confrontación na que os Estados son rivais e na que a violencia non se deosta.