Baltar conxela os termómetros: 6,7 graos baixo cero

A marca máis baixa da madrugada deuse en Baltar ás 6.40 horas: -6,7ºC. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Para hoxe Meteogalicia mantén a situación anticiclónica no país, con poucos cambios nas temperaturas ou lixeiro ascenso e xeadas no interior.

O municipio de Baltar rexistrou a temperatura máis baixa do país, con -6,7 graos, na madrugada desta terza feira. Concretamente, o rexistro tivo lugar ás 6.40 horas, no marco horario en que se mantiña o aviso amarelo por baixas temperaturas activado por Meteogalicia.

De feito, ese aviso por baixas temperaturas afectaba todo o surleste da Galiza, onde se deron os rexistros máis baixos nas últimas horas. Alén de Baltar, entre os municipios co mercurio que máis descendeu están Verín (-6,1ºC), Larouco (-5,4ºC), Xinzo (-4,6ºC) e Rubiá (-4,4ºC).

En zona de montaña, Cabeza de Manzaneda rexistrou a temperatura máis baixa, con -5,8 graos. Baixo cero tamén se situaron Carballeda de Valdeorras (-5,4ºC), A Veiga (-5,2ºC) e Muíños (-4,3ºC).

E en marcas semellantes moveuse tamén a comarca dos Ancares, con Pedrafita do Cebreiro marcando a mínima con 5,3 graos negativos.

Para esta cuarta feira Meteogalicia mantén a situación anticiclónica, con poucos cambios nas temperaturas ou lixeiro ascenso e xeadas no interior. Polo de agora non se activaron avisos por baixas temperaturas.

Pola súa parte, a Xunta da Galiza mantén activado o Plan Inungal debido ás posibilidades de desbordamentos puntuais dos ríos con base na predición hidrolóxica dos organismos de conca e as predicións meteorolóxicas. Con todo, ningún río está por riba do nivel de desbordamento actualmente.