Baltar e A Mezquita, con -6,4 e -6,3 graos, rexistran as mínimas máis baixas nun novo día de xeadas

(Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Unha fronte chegará á Galiza desde o norte esta quinta feira, de maneira que se esperan ceos nubrados con chuvascos.

Os municipios de Baltar e A Mezquita, nas comarcas da Limia e Viana, respectivamente, rexistraron as temperaturas mínimas máis baixas na madrugada e primeiras horas desta cuarta feira, nunha nova xornada de xeadas en especial en zonas do interior do país.

Concretamente, en altitude por baixo de 900 metros, o municipio de Baltar rexistrou -6,4 graos, sendo por segunda xornada consecutiva a estación onde o mercurio máis descendeu no conxunto da Galiza. Pola súa parte, en zonas de montaña (máis de 900 metros), A Mezquita rexistrou -6,3 graos.

Con temperaturas por baixo dos 4 graos negativos tamén se situou Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares), con -5,6 graos, seguido das estacións da Veiga (-5,6ºC) e Vilariño de Conso (-5,1ºC), no surleste do país. De novo por baixo dos 900 metros sitúanse Verín (-5,6ºC), Xinzo de Limia (-5,3ºC), Viana do Bolo (-5,2ºC) e Sarria (-4,6ºC).

O aviso por baixas temperaturas —menos de 4 graos baixo cero— quedou desactivado en Ourense desde as 9 horas. Para esta quinta feira, Meteogalicia avisa de nivel amarelo por vento do nordés no mar en toda a costa atlántica, entre as 15 e as 21 horas.

Durante esta mesma xornada, unha fronte chegará á Galiza desde o norte, de maneira que se esperan ceos nubrados con chuvascos, máis frecuentes e intensos canto máis ao norte.

A cota de neve situarase nos 900 metros e as temperaturas continuarán sen cambios ou con lixeiros descensos das máximas, con base nas mesmas predicións.