Baixan a 495 os casos activos de Covid e descenden a 45 os hospitalizados

Recipientes coa vacina de Moderna. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
Os novos contaxios caen a 31.

Galiza atinxe o ecuador desta semana, finalizada a ponte do 12 de outubro, cunha baixada de casos activos tras o lixeiro incremento do día anterior, que se sitúan en 495; e un descenso a 45 do hospitalizados -seis menos-, mentres que os novos contaxios caen a 31 e a taxa de positividade redúcese a un 0,95%.

Segundo os datos publicados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da terza feira, descenden a nove as persoas ingresadas en UCI -unha menos- e baixan a 36 as que permanecen noutras unidades de hospitalización -cinco menos-, mentres que 450 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria continúa sen cambios en tres das sete: Ferrol -a única sen pacientes Covid ingresados-, Ourense e Pontevedra e O Salnés; mentres que se alivia no resto: A Coruña e Cee, Vigo, Lugo e Santiago e Barbanza.

As infeccións activas aumentan unicamente de forma lixeira na área de Ferrol 

En canto aos casos activos, tras o lixeiro repunte da xornada anterior, Galiza chega ao ecuador desta semana após a ponte con 495, que supoñen 13 menos, ao haber máis altas (43), que contaxios (31), ao que se suma un falecemento.

As infeccións activas aumentan unicamente de forma lixeira na área de Ferrol (+3), mantéñense sen cambios na de Pontevedra e O Salnés; e descenden nas outras cinco: Vigo (-5), A Coruña e Cee (-3), Ourense (-3), Lugo (-3) e Santiago e Barbanza (-2).

Os novos contaxios de Covid-19 descenden a 31 no conxunto da Galiza, tras os 33 detectados a xornada anterior, despois de iniciar esta semana con 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en Galiza ascenden a 2.643 após notificar esta terza feira Sanidade o falecemento dunha persona.