Baixan a 235 os novos contaxios e os casos activos seguen en ascenso até os 2.638

Unha sanitaria cunha dose da vacina. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press) #vacinación #coronavirus #vacina #prioridades #ong #savethechildren #coronavirus #covid19
Os pacientes ingresados descenden a 59.

Os novos contaxios de Covid-19 detectados en Galiza reducíronse lixeiramente a 235 -nove menos que a xornada anterior e case o dobre que hai unha semana-, mentres que os casos activos manteñen a tendencia ascendente por décimo terceira xornada consecutiva e sitúanse en 2.638. Pola súa banda, os pacientes hospitalizados descenden lixeiramente e a taxa de positividade redúcese a un 2,7%.

Segundo os publicados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste luns, recollidos por Europa Press, increméntanse a 12 as persoas ingresadas na UCI pola Covid -unha máis- e baixan a 47 que permanecen noutras unidades -tres menos-. Pola súa banda, 2.579 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas de Ourense e na de Santiago e Barbanza; aumenta lixeiramente na da Coruña e Cee e na de Pontevedra e O Salnés; e mantense nas de Lugo, Vigo e Ferrol.

Os casos activos, pola súa banda, continúan en ascenso por décimo terceira xornada consecutiva e sitúanse en 2.638, que implican 172 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (235) que altas (63). Con respecto á terza feira anterior -29 de xuño- hai 1.059 infeccións activas máis. Deste modo, sitúanse en niveis similares ao 24 de agosto do ano pasado, cando había 2.619.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas aumentan no sete: Vigo (+50), Pontevedra e O Salnés (+36), Ourense (+25), Lugo (+20), A Coruña e Cee (+16), Ferrol (+15) e Santiago e Barbanza (+10).

En canto aos novos contaxios de Covid-19 descenderon lixeiramente a 235 após principiar esta semana con 244, que supoñen nove menos, e case o duplo de hai sete días (cando había 121), polo que continúa a tendencia iniciada o 24 de xuño, cos contaxios por riba do centenar.

En toda Galiza foron confirmados 230 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), segundo os datos actualizados por Sanidade, 23 menos que a xornada pasada, dos cales 54 corresponden á área de Vigo; 42, á da Coruña e Cee; 40, á de Pontevedra e O Salnés; 34, á de Ourense; 27, á de Lugo; 17, á de Ferrol; e 16, á de Santiago e Barbanza.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia no conxunto de Galiza mantéñense nas 2.437, ao non notificar Sanidade tampouco ningún falecemento esta segunda feira.