Baixan de 1.300 os casos activos nos centros educativos galegos

Imaxe de arquivo de estudantes durante unha proba. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os positivos en garderías, escolas e institutos baixaron con respecto a onte. Porén, a Xunta mantén fechadas un total de 70 aulas repartidas por toda a Galiza, a maioría nas áreas educativas da Coruña e Vigo.

Non só as residencias de maiores son un dos focos de máis surtos de coronavirus nestas últimas semanas. Os centros educativos da Galiza tamén están a rexistrar numerosos contaxios, aínda que nestes casos, en xeral, o prognóstico non reviste tanta gravidade.

 

A Consellaría de Educación informou esta cuarta feira da baixada do número de casos activos, que pasaron de 1.298 a 1.263 en tan só 24 horas.

 

A grande maioría das e dos infectados está nos colexios e nos institutos, máis tamén hai casos nas escolas infantís. De feito, en Lugo segue fechada a gardaría Golfiños despois de varios días. Esta é a única infraestrutura que chegou a esta situación polo momento.

 

Por áreas educativas, Vigo está na cabeza en canto a persoas da comunidade educativa afectadas pola pandemia. Hai un total de 374 casos e instalacións con até 18 contaxiados como o CPR Plurilingüe Apóstol Santiago. O CPR Mendiño, tamén na cidade, fica con 12 doentes.

 

Na contorna da Coruña fálase de 239 enfermas e enfermos, tanto no que se refire ao alumnado como a profesorado e persoal que traballa nos colexios. O CEIP Fogar de Carballo é o máis prexudicado con 22 infectadas.

 

Malia esta diferencia nos números, na Coruña hai 19 aulas clausuradas temporalmente, unha máis que no sur galego.

 

En total, están sen uso 70 espazos debido ao gran ritmo de contaxio que permite que en Lugo haxa 172 positivos, en Pontevedra outros 146 e en Compostela 172. Nestas demarcacións hai un máximo de 8, 7 e 6 casos rexistrados por infraestrutura, se ben son os menos.

 

Xa en Ferrol teñen coronavirus 107 persoas e en Ourense o número está en 100.