Baixa o número de casos activos nas residencias de maiores

Residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Carlos Castro / Europa Press).
Os centros de maiores e de atención á diversidade da Galiza suman 307 usuarios mais 130 traballadores e traballadoras con coronavirus, seis e tres casos menos que na xornada anterior.

A cifra de usuarios afectados polo novo coronavirus nas residencias de maiores galegas diminuíu até 301, tras producirse nas últimas horas seis altas no centro do Incio, que continúa intervido pola Xunta.

Segundo os datos achegados este sábado pola Consellaría de Política Social, con datos da última hora da pasada sexta feira, o xeriátrico que continúa tendo máis usuarios afectados é o de DomusVi de Outeiro de Rei, con 131 persoas infectadas, seguido da residencia Nosa Señora do Viso, en Lobeira, na Baixa Limia, con 47; e a do Incio, agora con 42.

A residencia de anciáns Ballesol, de Oleiros, conta con 33 internos contaxiados. Na residencia Santa Marta de Vigo son 17 as persoas afectadas mentres que no centro Las Salinas de Ourense manteñen 15 internos con coronavirus.

No fogar residencial El Pinar de Culleredo hai oito positivos. Ademais, DomusVi Lalín e a Torrente Ballester da Coruña teñen dous casos cada unha. Finalmente, hai un usuario contaxiado en cada un dos seguintes centros: residencia de Arteixo, residencia O Pilar, residencia DomusVi Coruña, en Oleiros, e residencia Nosa Señora dos Milagres, en Barbadás.

Traballadores con Covid

En canto ao colectivo profesional dos xeriátricos, o total de persoas contaxiadas por coronavirus descendeu a 113, tras cinco altas e catro novos positivos detectados no xeriátrico Virgen Blanca de Ourense, no DomusVi Coruña, no da Nosa Señora do Viso, en Lobeira, e no da Nosa Señora dos Milagres, en Barbadás.

Tamén neste caso, o DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, con 21 casos, é o máis afectado; seguido do do Incio, con 20, e da Nosa Señora do Viso, con 17 traballadores con Covid-19.

Centros de atención á diversidade

Pola súa banda, nos centros de atención a persoas con discapacidade continúan seis usuarios afectados e baixan a 17 os traballadores cunha PCR positiva, tras dúas altas na residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros.

Do total dos internos, a residencia Ricardo Baró de Aspronaga acumula cinco casos e o centro Pai Menni de Betanzos segue con un, segundo os datos actualizados este sábado.