Baixan a Covid-19 e a gripe

Test de antíxenos da Covid-19 (Foto: Jesús Hellín/Europa Press).
Descende o número de persoas hospitalizadas con Covid e gripe na Galiza

Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 no conxunto da Galiza baixan até os 586 -20 menos que onte-, mentres que os casos activos ascenden aos 13.007 -supoñen 883 máis-, así como os novos  contagios, 1.472.

Segundo os datos actualizados hoxe pola Consellería de Sanidade, son 17 as persoas hospitalizadas na UCI pola Covid-19 na Galiza -dúas máis-, mentres que baixan a 569 as ingresadas en unidades convencionais -22 menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria baixa en catro das sete, e sobe nas de Pontevedra, Santiago e Lugo.

Así, na área sanitaria de Pontevedra, mantéñense en 82 os ingresados en unidades convencionais -sen cambios- e soben a tres os que están en UCI -dúas máis-; na de Santiago, soben a 87 os pacientes en planta -tres máis-, pero baixan a dous os de críticos -un menos-; e a de Lugo conta con 53 ingresados en unidades convencionais -catro máis- e un en UCI -un máis-.

Por contra, a carga asistencial redúcese en Vigo, con 88 pacientes en planta -catro menos- e dous en UCI -un menos-; na área de Ferrol, con 53 hospitalizados en unidades convencionais -tres menos- e un en críticos -sen cambios-; na Coruña, con 125 persoas ingresadas en planta -oito menos- e sete en críticos -un máis-; e na área de Ourense, que continúa cun ingresado en UCI -sen cambios- e con 81 en planta -catro menos-.

Encarando o final da Semana Santa, os casos activos volven aumentar e sitúanse nos 13.007, que supoñen 883 máis, ao haber máis contaxios (1.472) que altas (581), ao que se suman oito falecementos.

As infeccións activas aumentan en todas as áreas sanitarias, coa da Coruña á cabeza (+236), seguida pola de Lugo (+195), Santiago (+194), Pontevedra (+121), Ourense (+93), Vigo (+90), e Ferrol (+52).

Por tanto, con máis infeccións activas continúa a área da Coruña e Cee, con 2.426; seguida da de Vigo, con 2.376; Santiago e Barbanza, con 2.037; Lugo, con 1.984; Ourense, con 1.629; Pontevedra e O Salnés, con 1.418; e á cola segue a de Ferrol, con 1.124.

Descenso de 12% na gripe

Os ingresos de persoas con gripe confirmada ascenden na Galiza desde o inicio da tempada actual a 280, deles 29 ingresaron na semana 14 -que terminou o 10 de abril-, o que supón un descenso de 12% con respecto á anterior.

Así consta no cuarto informe publicado polo  Servizo  Galego de  Saúde (Sergas) na tempada actual de gripe (2021-22) de 'Vixilancia da gripe na Galiza'.

No que vai de tempada, concreta o Sergas, só en seis casos os enfermos con gripe hospitalizados necesitaron ingreso en UCI e das nove persoas que faleceron con este virus, tres considérase que o fixeron por gripe.

En canto á vixilancia baseada nos rexistros informatizados de gripe en Atención Primaria do Sergas mostrou unha "tendencia descendente da intensidade da actividade gripal, que baixa ao nivel baixo".

No informe sinálase que a taxa de consultas por gripe mantívose "relativamente estábel" excepto en Ourense, con 46 consultas por 100.000 habitantes.