Baiona lembra Estela Blach, a veciña atopada morta esta sexta feira con fortes golpes na cabeza, mentres continúa a busca da súa ex parella
Polo momento non se produciron detencións e as forzas da orde continúan buscando a súa ex parella.
Máis dun cento de persoas concentráronse este domingo na praza do Concello de Baiona en memoria de Estela Blach, a veciña da localidade de 36 anos de idade achada morta á primeira hora desta sexta feria na vivenda da súa ex parella, á que se continúa buscando.
Tras o minuto de silencio, ao que asistiu o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, así como os alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán, entre outras autoridades, houbo un aplauso continuado.
Tamén acudiron familiares da falecida, que recibiron o pésame e o apoio de autoridades e amigos.
Ademais, leuse un comunicado no que se recollía que o consistorio municipal decretaba tres días de loito oficial -desde este sábado- e convocábase para esta segunda feira outro minuto de silencio.
Mentres, continúa a procura do home co que estaba na noite da quinta feira. Para iso, a Garda Civil incorporaba este sábado medios aéreos e solicitaba a colaboración da Policía e das autoridades policiais portuguesas.
Así, polo momento non se produciron detencións en relación con este crime, ocorrido na zona das Ínsuas, na parroquia baionesa de Belesar, mais está a buscarse á ex parella, que foi denunciada por violencia de xénero e que tiña unha orde de afastamento.
Con motivo deste crime, o Concello de Baiona declarou este sábado tres días de loito oficial "en honra" á veciña do municipio. Tras reunirse a xunta de portavoces, os grupos políticos municipais condenaron "enerxicamente o asasinato e rexeitan calquera forma de violencia".
"A autoridade material destes feitos debe ser esclarecida canto antes. O Concello de Baiona expresa as súas condolencias á familia de Ronsel, incluíndo á súa filla, pais, irmá e demais parentes", sinalou nun comunicado.
A Subdelegación do Goberno español na Galiza confirmou este sábado que a autopsia da muller de 36 anos de idade, E.B.S, achada morta á primeira hora desta sexta feira na vivenda da súa ex parella no Concello de Baiona (comarca de Vigo) atribúe a causa da morte aos golpes que tiña na cabeza.