Descende a incidencia da Covid: menos contaxios e hospitalizacións que hai unha semana

A evolución da quinta vaga da Covid consolida unha mellora da incidencia. (Foto: Arxina).
Só a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte mantén unha tendencia á alza na incidencia acumulada a sete e 14 días, moi por riba da media galega. 

A evolución epidemiolóxica da Galiza amosa unha mellora para o conxunto do territorio que afecta aos principais indicadores malia as pequenas variacións diarias que vai deixando o paso do tempo.

A incidencia do coronavirus continúa a baixar. Descenden os contaxios diarios e tamén os casos activos, e pesar de que o último balance da Consellaría de Sanidade rexistra un aumento das persoas ingresadas con Covid, o número de hospitalizacións baixa a respecto da semana anterior.

Contaxios e casos activos

Así, o número de novos positivos sitúase en 305, 142 menos que hai sete días. Do total, as áreas da Coruña e Lugo son as que rexistraron maior número, 74 e 68 respectivamente, aínda que por baixo das cifras notificadas o domingo. Na área sanitaria de Santiago confirmaron 47 casos novos; en Vigo, 39; os mesmos que en Ourense; 20, en pontevedra e 18 en ferrol.

Así as cousas, volven descender as infeccións activas até situarse sitúanse en 8.275 casos, 332 menos que a xornada anterior. Os casos activos baixan en todas áreas excepto Ourense, onde confirman un man. Na Coruña hai 2.178 casos (93 menos); en Vigo,1.472 casos (142 menos); en Lugo, 1.457 (cinco menos); na área de Santiago, 1.306 (24 menos); na de Ourense, 687 (un máis); na de Pontevedra, 589 (45 menos), e en Ferrol, 586 (24 menos).

Presión hospitalaria

Polo que se refire á hospitaliazación de persoas con coronavirus, os datos reflecten unha suba lixeira a respecto do último día. En total hai 255 pacientes con Covid nos hospitais galegos dos cales, 54 recupéranse en unidades de coidados intensivos (unha menos) e 201 en unidades convencionais (11 máis.

Con todo o número de camas ocupadas por mor da pandemia minguou en 76 nos últimos sete días, un descenso que contribúe tamén á mellora da situación epidemiolóxica.

Incidencia 

Ese avance reflíctese na incidencia acumulada. A sete días, rolda os 118 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a dúas semanas sitúase na contorna dos 267.

Só a área de Lugo amosa unha traxectoria bastante afastada destes números cunha incidencia a sete días de 223 casos e de 416 a 14 días.

Falecementos

Desde que comezou a pandemia faleceron 2.564 persoas con Covid-19. As mortes por coronavirus continúan. Sanidade informou de catro novos decesos nas últimas horas: o dun home de 96 anos ingresado no hospital Povisa, outro de 72 anos falecido no Complexo Hospitalario de Ourense, unha muller de 72 anos ingresada no mesmo centro e unha muller de 90 anos que morreu no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e que era usuaria da residencia de maiores Soremay.

Residencias de maiores 

Nos centros da terceira idade hai 109 usuarias contaxiadas, 72 na residencia As Gándaras de Lugo, 20 na residencia García Irmáns de Betanzos, 11 na residencia e apartamentos San Vitorio de Baralla, catro en Santa Marta de Vigo, un en Santo Estevo de Perlío en Fene e outro na residencia de Ribadeo.

Os centros de atención á discapacidade manteñen 48 casos.